Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TRÍO GALEGO ADIANTARÁ PARA A PRENSA ALGÚNS TEMAS DO SEU SEGUNDO TRABALLO DISCOGRÁFICO ÁS 12.30 DO MEDIODÍA NO AMBIGÚ; E ACTUARÁ SOBRE O ESCENARIO ÁS 21.00 HORAS

Vaamonde, Lamas & Romero co seu disco "O tambor de prata" pechan mañá no Salón Teatro o III ciclo de concertos ST Música Presente

[12/12/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá martes día 13 o concerto de presentación do novo traballo discográfico de Vaamonde, Lamas & Romero, O tambor de prata, co que o autodenominado "trío máis retranqueiro da música galega" ofrece un repertorio composto exclusivamente por temas dunha formación única da historia de Galicia, como foron Os Trintas de Trives. Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero foron seleccionados polo programa "ST Música Presente" para amosar a súa nova proposta musical dentro deste ciclo que organiza a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo.

vaamonde, Lamas & Romero

A actuación no escenario será ás 21:00 horas; pero xa pola mañá, ás 12:30 do mediodía, os tres instrumentistas ofrecerán un adianto en especial para os medios de comunicación no ambigú do Salón Teatro. Nesta presentación estarán acompañados por Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic, e por Fernando Luaces, director do selo Fol Música.

O concerto pechará a terceira entrega do devandito programa "ST Música Presente", creado pola Agadic co obxectivo de facilitar a promoción de novos traballos discográficos galegos a través de actuacións dirixidas preferentemente a un público especializado, pero abertas tamén a todos os espectadores.

Referentes na música galega
Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero son tres nomes referenciais na música galega actual e as súas traxectorias individuais están ligadas aos mellores momentos e artistas da música contemporánea do país como son Nova Galega de Danza, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Pel e Madeira, Fuxan os Ventos, Susana Seivane, Leilía, Uxía, Luvas Verdes, Quique Peón Cía, Faltriqueira, Guadi Galego, Galeoke, Grupo Tradicional do IGAEM, ou Xosé Manuel Budiño.

Na cita de mañá no Salón Teatro presentarán o seu segundo traballo, O tambor de prata, un ambicioso proxecto editado por Fol Música composto por un CD con 10 temas e un DVD que recolle o concerto coa Banda Municipal da Coruña celebrado no Pazo da Ópera da cidade herculina en abril de 2011.

A característica máis salientable deste novo disco é o feito de estar composto por versións de temas de Os Trintas de Trives e, máis concretamente, do seu compositor, Ricardo Courtier, quen entre os anos 1894 e 1920 representaron o postmodernismo da música popular en Galicia, trunfando tanto aquí como en América cun repertorio e unha indumentaria totalmente orixinais.

Vaamonde, Lamas & Romero amosan en O tambor de prata a súa particular visión cómica e sen prexuízos deste cuarteto, que triunfou hai máis dun século aquí e alén das nosas fronteiras.

Éste será o último dos catro concertos promocionais inseridos en "ST Música Presente" 2011, dentro do que xa actuaron The Blows, Lobalú e Fon Román. A iniciativa, deseñada e promovida pola Agadic, ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.

As entradas para asistir a este concerto xa están á venda a través da billeteira electrónica da páxina web entradas.novagaliciabanco.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse unicamente mañá martes a partir das 19.00 horas.

Ligazóns