Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

INSERIDO NO PROGRAMA DA AGADIC "ST MÚSICA PRESENTE", O CONCERTO TERÁ LUGAR ESTE MÉRCORES 2 DE NOVEMBRO, ÁS 21.00 HORAS

Najla Shami e Héctor Lorenzo presentan en directo no Salón Teatro "Haikus", o seu primeiro disco como Lobalú

[31/10/2011] ]O dúo Lobalú, integrado pola cantante Najla Shami e o guitarrista Héctor Lorenzo, protagoniza este mércores día 2 no Salón Teatro de Santiago unha nova cita do ciclo de concertos "ST Música Presente", que organiza a Agadic. Na súa actuación, que dará comezo ás 21.00 horas, soarán os temas do seu disco de debú, Haikus, editado polo selo Inquedanzas Sonoras.

Lobalú

No seu primeiro traballo discográfico, a ampla bagaxe conxunta destes dous músicos composteláns materialízase nunha ducia de temas interpretados en galego e de grande sonoridade que -segundo eles mesmos explican- navegan entre a música galega, a brasileira e o jazz cun son moi persoal e cheo de cor. Construídas a partir da sinxeleza da voz e da guitarra, a estas composicións fóronse sumando as achegas doutros destacados nomes da escena musical galega en moi diferentes estilos. Entre eles, Quim Fariña, Sérgio Tannus, Álvaro Vieito, Alfonso Calvo e Miguel Queixas, que os arrouparán así mesmo sobre o escenario do Salón Teatro xunto con Carlos Freire, Serginho Sales e Paula Pintos.

Najla Shami e Héctor Lorenzo principian a súa colaboración musical no verán de 2004 a raíz sa súa participación no festival Feito a Man de Santiago de Compostela. A partir dese momento, inician unha traxectoria común, aberta ao traballo con numerosos colaboradores, da que cinco anos máis tarde xurde o seu proxecto como dúo Lobalú. Baixo este nome, en 2009 comezan a dar forma ao seu disco de debú, Haikus, gravado con Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro nos estudios Abrigueiro de Friol.

Público especializado
O de Lobalú será o segundo dos concertos desta terceira entrega de "ST Música Presente", trala actuación ofrecida o pasado 11 de outubro pola banda viguesa The Blows. A prioridade deste programa é ofrecerlles ás discográficas galegas unha canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia. Os concertos ábrense, así mesmo, a todos os espectadores interesados, para o que se establece un prezo especial de 5 euros por entrada.

As próximas citas do ciclo terán lugar o xoves 24 de novembro, coa presentación de Entretelas, o novo traballo discográfico de Fon Román; e o martes 13 de decembro, co concerto do trío Vaamonde, Lamas & Romero, que interpretará en directo os temas de O tambor de prata.

Venda de entradas
As entradas para a actuación de Lobalú, así como para o resto dos concertos de "ST Música Presente", poden adquirirse través da billeteira electrónica da web entradas.novacaixagalicia.es e do teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do Salón Teatro, poranse á venda dende dúas horas antes do comezo de cada concerto.

Ligazóns