Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

INTEGRAN O PROXECTO NELSON QUINTEIRO, IVÁN VILLAR, LAURA GARCÍA-VERA, ALBA VÁZQUEZ E AMPARO NOVAS

O CCG coproducirá o espectáculo titulado "Gharbo!" coa compañía Contra2

[21/10/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) coproducirá na presente temporada escénica 2011-2012 o espectáculo titulado Gharbo! xunto á compañía de danza Contra2. A coprodución supón a prestación, por parte da unidade da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), de asistencia artística, musical e técnica a través dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización.

Imaxe promocional de Contra2

Gharbo!, con dirección coreográfica de Iván Villar e dirección musical de Nelson Quinteiro, estará interpretado por un elenco de 3 bailarinas e 2 bailaríns que integran Laura García-Vera, Alba Vázquez, Amparo Novas, Nelson Quinteiro e Iván Villar. Para a consideración deste proxecto, o CCG valorou especialmente a súa calide e interese artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas, e a achega ao desenvolvemento e á renovación das artes escénicas en Galicia.

O acordo de coprodución, que non supón ningún tipo de asignación económica, implica que os traballos conxuntos para a materialización do proxecto comezarán a finais de novembro deste ano. A estrea está prevista para febreiro de 2012 na Coruña.

Nun faiado
A acción de Gharbo! desenvólvese cunha escenografía simbólica e compartida, que representa un faiado baixo un tellado de dúas augas, onde o propio espazo convértese nun ente propio e emocional que fala das lembranzas e das actitudes colectivas de cada un dos integrantes do proxecto. O termo Gharbo! significa para eles esa capacidade compartida de saír adiante, ese trasno, maxia, elegancia e desenvoltura no movemento corporal.

Canto á linguaxe coreográfica empregada, Gharbo! propón fundamentalmente unha fusión entre a música e a danza tradicional coas novas formas musicais e de movemento máis experimentais. Os cinco intérpretes habitan nun espazo común no poñen a súa voz, a súa música e os seus movementos ao servizo da lembranza. Por ese lugar irán aparecendo diferentes moradores de dimensións paralelas do alén. A emigración, o entroido, os maios, os diferentes momentos e estacións do ano e a súa relación co faiado estarán tamén representados.

Equipo artístico
Nelson Quinteiro interpreta música tradicional dende hai máis de dez anos. Neste eido acaba de poñer voz á banda Cabesa de Pau e de colaborar co grupo Liñaceira, ademais de presentar o espectáculo As mans perdidas en solitario. En 2009 funda a compañía Contra2 con Iván Villar, no que realizou ao ano seguinte o espectáculo Contra2: danza e contradanza, e en 2011 o infantil Papiroflexias. Nos últimos tempos desenvolve unha ampla actividade escénica: produción, creación, formación, dirección e interpretación. É responsable do Festival Galego de Cabaré que celebra estes días a súa sexta edición na Coruña, da Compostela Carpa Cabaré de Santiago e de diversos montaxes escénicos coa compañía Femme Fatal.

Iván Villar formou parte do Ballet Galego Rey de Viana dende 1996 ata 2006 e participou no espectáculo Vacuo, de Maruxa Salas, produción do CCG da temporada 2006/07. Incorporouse posteriormente á compañía Nova Galega de Danza coa peza Tradicción. Participou tamén como solista na montaxe Sueño Flamenco e formou parte do espectáculo Rosas Negras da compañía El Taller. Tamén é director da compañía Entrecaixas.

Laura García-Vera foi bailarina de distintas compañías de danza: Ballet Clásico de Madrid, El Taller e Ballet Galego Rey de Viana, entre outras. Actualmente desenvolve o seu traballo nas compañías Entrecaixas, Contra2 e Nova Galega de Danza.

Alba Vázquez estivo tamén en El Taller e no Ballet Galego Rey de Viana, entre outras. Actualmente figura nos elencos de Entrecaixas, Contra2 e Nova Galega de Danza.

Amparo Novas pasou como bailarina por Danza do Noroeste, DruidaDanza, Sol Picó, Fernando Hurtado, Experimentadanza, Centro Coreográfico Galego (en Vacuo e Giseliña), entre outras compañías. Na faceta de coreógrafa, o seu proxecto Branco foi un dos seleccionados no programa de investigación coreográfica do CCG 2010/11 e estreado no Salón Teatro de Santiago en abril do 2011. Na actualidade imparte clases de danza contemporánea no Espacio de Danza Universitario (EDU) de Santiago de Compostela e forma parte da compañía Sólodos, dirixida por Maruxa Salas e Erik Jiménez, e do dúo An_danza, xunto a Ariel Caramés.