AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

PRESENTARÁN EN DIRECTO O SEU ÚLTIMO TRABALLO DISCOGRÁFICO, "EJÉRCITO DE FANTASMAS"

O grupo The Blows abre no Salón Teatro a terceira entrega do ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente"

[11/10/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) abre este venres día 14 cun concerto no Salón Teatro a cargo da banda The Blows a terceira parte do ciclo de concertos "ST Música Presente", dirixido preferentemente á promoción de traballos discográficos galegos de todos os estilos diante dun público especializado. O grupo galego presentará os temas do seu novo traballo, Ejército de Fantasmas, co seu son característico de riffs de guitarra, teclados e baterías rítmicas. Unha vez máis, o Salón Teatro de Santiago será a sede deste programa de recitais, que nesta nova entrega acollerá outros tres directos protagonizados por Lobalú (2 de novembro), Fon Román (24 de novembro) e Vaamonde, Lamas & Romero (13 de decembro).

The Blows

A prioridade deste programa é ofrecerlles ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.

Novas sonoridades
Entre as novidades máis destacables deste novo traballo da banda viguesa destacan o cambio de idioma nas letras das cancións -que pasan do inglés ao castelán- e a introdución de novas texturas de son nas que está traballando coa batería electrónica, os sintetizadores e as guitarras como protagonistas. E todo isto, sen perder as coordenadas de estilo que adiantaron co seu primeiro traballo e que xiran arredor do pop de influencias anglosaxonas.

The Blows conseguiron facerse un oco no panorama musical estatal co seu primeiro disco Upskirts (2008), que foi destacado pola prensa especializada como un dos debuts máis prometedores do ano, e que, ademais de soar nas radios universitarias americanas de costa a costa, aquí en España foi banda sonora na serie Cuestión de Sexo, emitida en Cuatro.

Tras realizar unha extensa xira por toda a península e investigar durante dous anos todo tipo de sonoridades na procura dun son máis escuro e persoal, a banda volta agora á escena co seu segundo elepé, cuxa produción levouse a cabo a medio camiño entre Estudio Uno de Madrid e a sala de concertos Mondo Club de Vigo, e rematou coa masterización nos estudios Metropolis de Londres.

Entradas á venda
A venda anticipada de entradas para o concerto de The Blows xa está operativa a través da billeteira electrónica da web entradas.novacaixagalicia.es e do teléfono 902 434443, mentres que o despacho de billetes do teatro estará aberto dende dúas horas antes do comezo do recital. Para as citas do programa ST Música Presente, que en todos os casos darán comezo ás 21.00 horas, establécese unha tarifa especial única de 5 euros por localidade.

Ligazóns