[12/10/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) continúa presentando ante o público galego o seu espectáculo 3Dtres, co que chega a Pontevedra o próximo sábado día 15 para ofrecer unha única función ás 21:00 horas no Pazo da Cultura, programada en colaboración co Concello de Pontevedra. A última produción da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) está realizada a partir das tres pezas creadas ex profeso por Tony Fabre, Ángel Rodríguez e Amaury Lebrun, coreógrafos de recoñecida traxectoria internacional que asinan, respectivamente, Honey Moon, Dulce memoria e Magnificat.
Estes tres creadores -ex integrantes, entre outras, da Compañía Nacional de Danza baixo a dirección de Nacho Duato- traballaron directamente co corpo de baile do CCG, así como co resto do equipo artístico, para preparar cadansúa coreografía baixo a coordinación de Mercedes Suárez, directora do Centro Coreográfico Galego e deste espectáculo.
Como o seu propio título indica, 3Dtres constrúese arredor de tres pezas ben diferenciadas canto a música, temas, vestiario e postas en escena, que porén teñen como denominador común a técnica empregada polas cinco parellas que as interpretan: un estilo totalmente contemporáneo, desenvolvido sobre unha sólida base de danza clásica. Irene Rubio, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Fátima Fernández, Elena Chamorro, Carlos Ugarriza, Ariel A. Caramés, Juan M. Hernández, Miguel A. Ponte e Pablo Aradillas integran o corpo de baile, seleccionado a través dun proceso de audición, que conta coa experiencia previa común de ter formado parte de Etheria, o anterior espectáculo do Centro Coreográfico.
Santi Mañasco, no deseño de iluminación; Nuria Barrio, Santos Salgado e María Villas, no de vestiario; Pixel Films, na montaxe audiovisual; e Yolanda González, na asistencia á dirección, forman parte tamén do equipo artístico que leva a escena esta quinta produción propia da unidade de danza da Agadic.
Poema en movemento
Para este proxecto, Tony Fabre creou Honey Moon como un "poema en movemento" sobre música de Jean Poinsignon e do Steve Reich Ensemble. Nesta peza, o coreógrafo francés -autor de numerosos títulos para a Compañía Nacional de Danza 2, IT Dansa, Tulsa Ballet e Ballet Béjart Lausanne, entre outras formacións- constrúe con humor unha representación da evolución do mundo e dos ciclos da renovación da natureza.
En Dulce memoria, o madrileño Ángel Rodríguez propón un canto ás nosas lembranzas a través de dúos, tríos e cuartetos en continua progresión. Neste caso, a música medieval e renacentista é de Martín Códax e Tomás Luis de Victoria. De formación e traxectoria ecléctica, Rodríguez foi adxunto á dirección do Ballet Carmen Roche, ademais de ter creado pezas para destacadas compañías dentro e fóra de España, como a Nacional de Danza, a de Rafael Amargo ou o Balllet do Teatro Mijáilovski, así como para musicais, cine, publicidade, moda, etc.
Por último, Amaury Lebrun emprega música de Bach para Magnificat, a través da que busca trasladar ao espectador a un mundo de contrastes no que a utilización do tutú romántico preséntase en contraposición aos movementos máis contemporáneos. Este coreógrafo francés dirixe a súa propia compañía (Amaury Dance Company), traballo que combina con colaboracións habituais para outras formacións e festivais.
Venda de entradas
As entradas para asistir á representación do sábado en Pontevedra está xa á venda a través da billeteira electrónica das webs de Novacaixagalicia: http://entradas.novacaixagalicia.es e www.servinova.es. Tamén poderán adquirirse o mesmo día da función no despacho de billetes do Pazo da Cultura, que abrirá a partir das 19.00 horas. O prezo da entrada xeral é de 8 euros; e de 5 euros para desempregados, xubilados e estudiantes.