AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

MÁIS DE 19.700 ESPECTADORES ASISTIRON ÁS 34 REPRESENTACIÓNS OFRECIDAS EN 12 ESCENARIOS DENTRO E FÓRA DE GALICIA

"A ópera dos tres reás" remata a súa distribución como a obra máis vista da historia do Centro Dramático Galego

[04/10/2011] O último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), A ópera dos tres reás, rematou o seu período de distribución cun balance de 19.700 espectadores, polo que pasa a ser a produción máis vista da historia da compañía pública galega, despois de finalizar unha xira de tres meses de duración na que ofreceu un total de trinta e catro funcións en doce localidades, dentro e fóra de Galicia.

Detalle do cartaz do espectáculo

Esta marca final de público sitúa a versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill que dirixiu Quico Cadaval e protagonizou Luis Tosar entre as producións con maior éxito, non só na traxectoria do CDG senón de todo o teatro galego, tanto desde o punto de vista das cifras absolutas, como da porcentaxe de ocupación dos espazos onde se exhibiu e da súa proxección exterior e mediática, xa que contou cun amplo seguimento por parte da prensa especializada, xeral e local.

Con A ópera dos tres reás, título co que se materializou un dos principais proxectos da directora do CDG, Blanca Cendán, a unidade de produción da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) enfrontou favorablemente o seu primeiro espectáculo musical de gran formato (contou cun extenso equipo artístico e técnico de máis de 50 persoas, entre eles, 11 actores e actrices e 9 músicos) grazas ao patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura.

Xira española
Na súa xira española -para que se traduciron os textos dialogados, mentres que as cancións se mantiveron en galego con sobretítulos- esta montaxe de factura integramente galega foi vista por 9.477 espectadores en 18 funcións, ocupou un lugar destacado nas carteleiras dos cinco espazos onde foi exhibida e en moitos deles esgotou as localidades dispoñibles.

Así, cómpre salientar a súa estadía de dúas semanas no Teatro Fernán Gómez de Madrid con cheos absolutos nas nove representacións ofrecidas, a clausura do Festival Internacional de Teatro, Música e Danza de Las Palmas de Gran Canaria (na que foi a primeira visita do CDG a estas illas) ou a inauguración da temporada escénica do Teatro Principal de Zaragoza.

Equipo
Baixo as ordes de Quico Cadaval na dirección escénica, Luis Tosar encabezaba un elenco de once actores galegos que defenderon unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais ao longo de dúas horas e media de representación.

Ademais de Tosar, para quen este papel supuxo o regreso ás táboas despois de cinco anos dedicado con gran éxito e case en exclusiva á súa carreira cinematográfica, completaban o equipo actoral Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta. Xunto con eles, sobre o mesmo escenario e seguindo a batuta do director musical Diego García Rodríguez, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executaba en directo a partitura deste clásico do século XX.

Na ficha artística deste proxecto figuraron, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asinou a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Guillermo Vázquez, do deseño de son; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Ligazóns