Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A COMPAÑÍA PÚBLICA GALEGA ESGOTOU A VENDA ANTICIPADA DE ENTRADAS PARA AS REPRESENTACIÓNS DO VENRES 23 E O SÁBADO 24

'A ópera dos tres reás' chega a Ourense para ofrecer dúas funcións no Teatro Principal

[21/09/2011] Ourense é a próxima parada na ampla xira que o Centro Dramático Galego (CDG) está a desenvolver co seu espectáculo musical A ópera dos tres reás, que representa este venres día 23 e o sábado día 24 no Teatro Principal. Quico Cadaval, na dirección escénica, e Diego García Rodríguez, na musical, asinan a versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, que interpreta un extenso elenco de 20 actores e músicos encabezado por Luis Tosar.

A ópera dos tres reás

Con todas as entradas de venda anticipada xa esgotadas, A ópera dos tres reás completará o aforo do Teatro Principal, onde recala no tramo final dunha xira durante a que esta montaxe de gran formato foi vista por máis de 16.500 espectadores noutros nove escenarios de Galicia e do resto de España.

Olga Mojón, directora-xerente do Teatro Principal; Blanca Cendán, directora do CDG; Suso Alonso, coordinador musical do espectáculo; e Marcos Orsi, actor que dá vida ao Sr. Peachum, presentaron hoxe en rolda de prensa estas dúas novas funcións, que darán comezo ás 21.00 horas. A ópera dos tres reás conta co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e enmárcase, así mesmo, na programación do Ano da Música de Galicia.

Vinte números musicais
Un total de 11 actores-cantantes galegos defenden nesta gran produción da compañía da Consellería de Cultura e Turismo unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais e dúas horas e vinte e cinco minutos de duración. Ademais de Luis Tosar, para quen este papel supuxo o regreso ás táboas despois de cinco anos dedicado con gran éxito e case en exclusiva á súa carreira cinematográfica, Marcos Orsi, Muriel Sánche, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta integran este destacado elenco.

Xunto con eles, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Guillermo Vázquez, do deseño de son; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Caleidoscopio
Na versión de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos de Central City, onde a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie da Faca (Luis Tosar), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".

Trala súa presentación en Ourense, o espectáculo do CDG desenvolverá as súas catro últimas funcións en Vigo (27 e 28 de setembro) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

Ligazóns