[20/09/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle este mércores 21 de setembro ás 21.00 horas a función de estrea de O florido pénsil, o novo espectáculo da compañía galega Eme2 que interpretan os actores Xosé Manuel Olveira "Pico", Antonio Durán "Morris", Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra, baixo a dirección escénica de Fernando Bernués e Mireia Gabilondo. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) patrocina esta adaptación ao galego do popular texto de Andrés Sopeña, que conta tamén coa colaboración do Centro Dramático Galego (CDG) na cesión do seu teatro, onde se desenvolverán outras catro representacións da montaxe: do xoves 22 ao sábado 24 ás 20.30 horas e o domingo 25 ás 18.00 h.
A adaptación escénica deste ensaio humorístico sobre o ensino no franquismo estreouse por vez primeira en 1996 e converteuse nun dos fenómenos teatrais dos últimos anos en España: máis de 3.000 funcións nas tres versións que se fixeron (castelán, catalán e euskera) e miles de espectadores mortos de risa coas vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos ao sistema educativo da posguerra. A montaxe desenvolve desde o 1 agosto os ensaios no Salón Teatro, con todos os medios e recursos dispoñibles no espazo escénico do CDG.
Retrato dunha época
A través dos seus protagonistas, en O florido pénsil descóbrese un fresco no que se suceden as tribunas desde as que o franquismo adoutrinaba á poboación: en primeiro lugar, a escola, centro de operacións para a propaganda do ideario fascista; máis tarde, o cinema de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa, representada na montaxe por un aparentemente inofensivo tebeo. Pola obra pasan heroes das películas, mestres casposos, mozos máis ou menos espelidos, Roberto Alcázar, Matías Prats, Pedro Pablo Ayuso, Matilde Conesa o NO-DO, e os curas.
O espectáculo está representado por cinco actores adultos coa intención de que a súa distancia respecto dos personaxes infantís que interpretan sirva para peneirar as dúbidas, a incomprensión e, sobre todo, a perplexidade que xorde da aplicación da lóxica infantil á desmesura ideolóxica da educación do réxime.
O texto foi adaptado por Sandra Romarís, Xocas López e Emilio Cao para a súa posta en escena en galego, acomodándoo tamén ás especificidades da época en Galicia. Completan a ficha artística desta peza Fernando Bernués, quen se fixo cargo da escenografía; Pepi Soroiz, do vestiario, e Anxo Graña, das gravacións sonoras. Xabier Lozano asina a iluminación e Julio Perugorria exerceu como axudante de dirección.
Traxectorias
Para levar ás táboas O florido pénsil, Eme2 reuniu a cinco dos mellores actores da escena galega. Xosé Manuel Olveira "Pico" é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, cunha vintena de montaxes CDG, innumerables espectáculos de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. Pola súa banda, Antonio Durán "Morris" -o Cuñado de Pratos combinados e o Alcalde de Padre Casares, dous dos seriais de maior éxito da historia da televisión galega- conta tamén cunha destacada traxectoria escénica.
Federico Pérez, o máis novo do elenco, saltou á fama pola súa interpretación de Josito na serie Padre Casares, ademais de pola súa participación en películas como 18 comidas. Tamén coñecido polos seus traballos televisivos, nomeadamente en Pratos combinados, é Josito Porto, que conta cun María Casares por Sexismunda. Mentres, Alfonso Agra participou en numerosas montaxes teatrais desde os anos oitenta, media ducia de longametraxes cinematográficos e series televisivas da importancia de Libro de familia ou Mareas vivas.
Fernando Bernués e Mireia Gabilondo son unha polifacética parella de directores vinculados á compañía vasca Tanttaka Teatroa que, en conxunto ou por separado, teñen dirixido numerosas montaxes de xéneros ben distintos. Alén do teatro, Gabilondo destaca pola dirección dos espectáculos de danza da compañía Kukkai, renovadora da danza tradicional vasca. Bernués, pola súa banda, ten dirixido numerosas compañías e actores en todo o Estado. A súa relación con Galicia chega a través de Manuel Rivas, para quen realizaron a versión da novela A man dos paíños.
As entradas para O florido pénsil poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Ademais, xa está dispoñible a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.novacaixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros para o xoves, o venres e o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.