[16/09/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) retoma esta fin de semana na Coruña a xira galega do seu espectáculo musical A ópera dos tres reás, que escenifica no Teatro Colón o sábado 17 e o domingo 18, ás 20.30 horas, con todas as localidades esgotadas desde hai días. O público coruñés súmase así aos máis de 15.000 espectadores que congregou ata o momento esta versión galega do clásico de Bertolt Brech e Kurt Weill, cifra que -segundo explicou hoxe o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero- a sitúa xa entre as producións con maior éxito de público na historia da compañía da Consellería de Cultura e Turismo.
Na presentación das novas funcións, Fasero estendeu este excelente balance á proxección exterior da produción, de "factura integramente galega", que chega á Coruña tras concluír unha xira exterior durante a que foi vista por máis de 9.600 espectadores, ocupando ademais un lugar destacado nas carteleiras teatrais e nos medios especializados e xerais das cinco cidades nas que foi exhibida.
Neste sentido, o director da Agadic lembrou que, despois dunha estadía de dúas semanas no Teatro Fernán Gómez de Madrid con "cheos absolutos nas nove representacións ofrecidas", o equipo artístico e técnico do espectáculo trasladouse ás Palmas de Gran Canaria para clausurar o seu Festival Internacional de Teatro, Música e Danza. Presentouse tamén no Teatro Liceo de Salamanca, no Teatro Gayarre de Pamplona e no Teatro Principal de Zaragoza, neste último caso como espectáculo inaugural da temporada 2011-2012 do emblemático escenario aragonés.
Cancións e música en directo
Con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García na musical e Luis Tosar á cabeza dun elenco de 19 artistas, A ópera dos tres reás ofrece unha montaxe de teatro musical de gran formato, desenvolvendo unha existente e vertixinosa posta en escena cunha vintena de cancións que os actores e músicos interpretan en directo durante as súas dúas horas e media de duración. Producido pola Consellería de Cultura e Turismo co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura no marco da celebración do Ano da Música de Galicia, o espectáculo represéntanse no Teatro Colón como parte da programación do 59 Festival de Ópera da Coruña.
Juan Carlos F. Fasero participou no acto de presentación destas dúas funcións xunto con Guillermo Brea, director de Obra Social de Novacaixagalicia; Blanca Cendán, directora do CDG; César Wonenburger, director artístico do Festival de Ópera; Quico Cadaval, Luis Tosar, e Muriel Sánchez e Sergio Zearreta, actores coruñeses no elenco de A ópera dos tres reás.
Ademais de Luis Tosar como Mackie da Faca -papel co que regresou ás táboas despois de cinco anos dedicado case en exclusiva á súa exitosa carreira cinematográfica-, Muriel Sánchez como Polly Peachum e Sergio Zearreta como Filch e Patacón, entre outros personaxes, integran o elenco Marcos Orsi, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos e Fran Pérez "Narf".
Orquestra en escena
Ao seu carón, sobre o mesmo escenario e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de temas tan coñecidos e interpretados como A balada de Mackie Navalla.
Na ficha artística figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento da montaxe xunto co equipo técnico do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.
As leis do cabaré
Na adaptación de Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".
A acción transcorre nos baixos fondos de Central City, onde Mackie da Faca campa ás súas anchas entre delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum, a filla do rei dos mendigos, quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do "maior criminal do mundo".
O Teatro Colón é o cuarto escenario galego que acolle este espectáculo, que iniciou o seu percorrido con oito funcións en Santiago de Compostela, Ferrol e Pontevedra e encara agora a recta final da súa xira, durante a que visitará Ourense (días 23 e 24), Vigo (27 e 28) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).