[01/09/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) retoma esta semana a xira do espectáculo musical A ópera dos tres reás, co que se presenta mañá venres día 2 e o sábado día 3 no Teatro Liceo de Salamanca. A compañía pública galega viaxará a continuación a Pamplona e Zaragoza para ofrecer outras cinco funcións desta versión do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, que conta con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e un extenso elenco de actores e músicos encabezado por Luis Tosar.
Blanca Cendán, directora do CDG, e Alba Messa, actriz que interpreta o papel de Lucy Brown, estiveron acompañadas do concelleiro de Cultura y Turismo de Salamanca, Julio López Revuelta, na presentación hoxe en rolda de prensa das dúas funcións no Teatro Liceo, que darán comezo ás 21.00 horas como parte da programación promovida pola Fundación Salamanca Ciudad de Cultura. Neste escenario ofrecerase a versión en castelán dos textos falados, mentres que se manteñen as cancións en galego con sobretítulos.
Producida co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e inserida na programación do Ano da Música, A ópera dos tres reás recala en Salamanca tralo gran éxito de público obtido durante dúas semanas de exhibición en Madrid e as súas representacións no Festival de Teatro, Música y Danza das Palmas de Gran Canaria. O espectáculo regresará aos escenarios galegos a partir do 17 de setembro para a recta final da súa xira, durante a que se escenificará na Coruña (días 17 e 18), Ourense (23 e 24), Vigo (27 e 28) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).
Produción de gran formato
Tanto a súa ampla distribución exterior como o seu extenso elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, sitúan esta montaxe entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento polo Centro Dramático Galego. Son 11 os actores galegos que defenden unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais ao longo de case dúas horas e media de representación: Ademais de Luis Tosar no papel de Mackie da Faca, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta.
Ao seu carón, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.
Na ficha artística deste proxecto figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.
Universo brechtiano
Na adaptación de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento dunha historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".
A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (interpretado por César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (o Sr. Peachum, ao que dá vida Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".