Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A COMPAÑÍA PÚBLICA GALEGA ACTÚA MAÑÁ E O VENRES NUN GRAN ESCENARIO AO AIRE LIBRE CON CAPACIDADE PARA UNS 1.500 ESPECTADORES

'A ópera dos tres reás' clausura o Festival de Teatro, Música e Danza das Palmas na primeira visita do CDG ás Illas Canarias

[10/08/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) clausura esta semana o 15º Festival Internacional de Teatro, Música y Danza das Palmas co seu espectáculo musical A ópera dos tres reás, na que é a primeira presentación da compañía pública galega nas Illas Canarias. Un gran escenario ao aire libre, con capacidade para uns 1.500 espectadores, acollerá mañá xoves 11 e o venres 12 dúas funcións desta versión do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, que conta con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e un extenso elenco de actores e músicos encabezado por Luis Tosar.

Rolda de prensa nas Palmas

O actor lugués, quen dá vida a Mackie Messer (Mackie da Faca), presentou hoxe nas Palmas estas representacións xunto coa directora do CDG, Blanca Cendán, e a concelleira de Cultura da capital grancanaria, Mª Isabel García Bolta, responsable da organización desta décimo quinta edición do festival. Con A ópera dos tres reás péchase unha programación que se vén desenvolvendo desde primeiros do mes de xullo en distintos espazos da cidade e que ofreceu ata o momento as propostas doutras 12 destacadas formacións e artistas, como Nuria Espert, a Martha Graham Dance Company, Tricicle ou a Compañía Nacional de Danza.

Cancións con sobretítulos
Producida co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e inserida na programación do Ano da Música, A ópera dos tres reás chega ás Palmas de Gran Canaria tralo gran éxito de público obtido en Madrid, onde permaneceu dúas semanas en cartel rexistrando un cheo absoluto en todos as funcións que ofreceu no Teatro Fernán Gómez. A distribución exterior deste espectáculo -que fóra de Galicia ofrece a versión en castelán dos textos falados, mentres que mantén as cancións en galego con sobretítulos- continuará en setembro con funcións en Salamanca, Pamplona e Zaragoza.

O amplo e cualificado elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, sitúan esta montaxe entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento polo Centro Dramático Galego. Son 11 os actores galegos que defenden unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais ao longo de case dúas horas e media de representación: Ademais de Luis Tosar, para quen este papel supón o regreso ás táboas despois de cinco anos dedicado con gran éxito e case en exclusiva á súa carreira cinematográfica, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta.

Ao seu carón, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Factura galega
Na ficha artística deste proxecto figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Na adaptación de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (interpretado por César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (o Sr. Peachum, ao que dá vida Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".

Venda de entradas
As entradas para asistir ás funcións de A ópera dos tres reás no escenario do parque de Santa Catalina das Palmas, os días 11 e 12 de agosto ás 21.30 h., están á venda de xeito anticipado a través da web www.servicaixa.com. O prezo das localidades é de 12 euros.

Tralas representacións en Canarias, o espectáculo do CDG regresará á Península para continuar un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro e que discorrerá por Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro), Zaragoza (9 e 10 de setembro), A Coruña (17 e 18 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

FOTOGRAFÍA: Gerardo Ojea

Ligazóns