Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UNS 4.500 ESPECTADORES TERÁN ASISTIDO AO ESPECTÁCULO NO TEATRO FERNÁN GÓMEZ, QUE AMPLIOU O AFORO INICIAL DEBIDO Á GRAN DEMANDA DO PÚBLICO

'A ópera dos tres reás' do CDG logra cheo absoluto nas súas dúas semanas de funcións en Madrid

[31/07/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) conclúe esta noite as dúas semanas de exhibición de 'A ópera dos tres reás' no Teatro Fernán Gómez de Madrid, onde esta versión do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill está a obter un gran éxito de público, co aforo completo en todas as representacións. Arredor de 4.500 espectadores terán asistido no céntrico escenario madrileño ás nove funcións deste espectáculo musical, que a compañía da Consellería de Cultura e Turismo produciu co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, no marco da celebración do Ano da Música de Galicia.

A ópera dos tres reás

A expectación xerada pola presentación na carteleira madrileña da proposta escénica do director Quico Cadaval, que conta con Diego García Rodríguez na dirección musical e cun amplo elenco artístico encabezado polo actor Luis Tosar, levou ao Teatro Fernán Gómez a ampliar o aforo inicial para intentar satisfacer a gran demanda por parte dun público que esgotou todas as entradas á venda. Segundo explica o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, este interese reflectiuse, así mesmo, no gran número de medios de comunicación especializados e xerais que dedicaron unha cobertura especial a este espectáculo, de "factura integramente galega".

Proxección exterior do teatro galego
Roberto Varela subliña como todo un fito para a proxección exterior da compañía pública e, por extensión, do conxunto do teatro galego o feito de "ter superado con tan excelentes resultados a esixente proba de fogo que significou iniciar a xira estatal de 'A ópera dos tres reás' con esta ampla estadía en Madrid". "A proba foi superada con gran éxito e coa mellor das impresións cara ás próximas funcións en Las Palmas, Salamanca, Pamplona e Zaragoza", asegura.

Para o titular de Cultura, o espectáculo do CDG é merecedor destas expectativas xa que, ademais dos nomes xa mencionados, conta cun "talentoso grupo de actores e músicos que defende con brillantez unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais ao longo de dúas horas e media de representación". Para esta xira estatal, traducíronse ao castelán os textos falados, mentres que as cancións se manteñen en galego con sobretítulos.

Esta versión do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill sitúase entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento polo Centro Dramático Galego, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións. Xunto con Luis Tosar, para quen este papel supuxo o regreso ás táboas despois de cinco anos, Marcos Orsi, Muriel Sánchez e Begoña Santalices acompáñano nos papeis protagonistas, xunto con César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta que completan o elenco actoral.

Orquestra en escena
Ao seu carón, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Na adaptación de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, 'A ópera dos tres reás' propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".

Trala función de hoxe en Madrid, o espectáculo do CDG continuará un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro e que discorrerá por Las Palmas de Gran Canaria (11 e 12 de agosto), Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro), Zaragoza (9 e 10 de setembro), A Coruña (17 e 18 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

Ligazóns