Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

JUAN CARLOS F. FASERO REUNIUSE COA DIREC TIVA DA ASOCIACIÓN NOMEADA O PASADO DÍA 12 DE XULLO

O director da Agadic confirma a Escena Galega a celebración da próxima feira de teatro e danza baixo un novo modelo organizativo e de xestión

[15/07/2011] O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, reuniuse hoxe cos membros da nova directiva da asociación Escena Galega, aos que confirmou a intención da entidade da Consellería de Cultura e Turismo de celebrar a próxima edición dunha feira de teatro e danza baixo un novo modelo organizativo e de xestión que resposte ás necesidades reais de difusión dos espectáculos producidos en Galicia.

Momento da xuntanza

A xuntanza, que foi solicitada por Escena Galega como presentación formal das persoas que ocupan desde o pasado martes 12 de xullo os novos cargos directivos desta entidade, a máis representativa das empresas do sector escénico galego, insírese no marco dos encontros frecuentes que a Agadic mantén cos responsables dos principais colectivos profesionais dos distintos ámbitos culturais galegos. Por parte de Escena Galega participaron na reunión Salvador del Río Pérez (Teatro de Ningures) como presidente, Mónica Camaño Fandiño (Teatro Nu) como vicepresidenta-tesoureira, Juan Rodríguez Santiago (Teatro Caramuxo) como secretario; e en calidade de vogais Arturo López García (Espello Cóncavo) e Xulio Lago Alonso (Teatro do Atlántico).

Fórmula consensuada
Juan Carlos F. Fasero explicou aos seus interlocutores a intención de Agadic de continuar coa celebración da ata agora denominada Feira Galega das Artes Escénicas, aínda que a partir das valoracións e conclusións que se tiren do período de reformulación aberto xa desde 2010 sobre este evento. O director da Agadic animou a Escena Galega a participar activamente no deseño desta nova feira, mercado ou mostra do teatro e danza de Galicia, mediante a posta en marcha dunha dinámica de traballo conxunto que atope uns patróns de organización e xestión consensuados co sector e que favorezan de xeito máis efectivo aos resultados desta cita como verdadeiro motor da contratación dos espectáculos galegos dentro e fóra de Galicia.

Os prazos de concesión ás axudas ás industrias culturais, o reforzamento das canles de diálogo ou o procedemento de pago ás compañías foron outros dos asuntos tratados durante a reunión.