[13/07/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo publicou xunto as editoriais Xerais e Baía os catro títulos galardoados en 2011 cos premios literarios no eido dramático que cada ano convoca para o fomento das distintas modalidades de escrita teatral. Así, as obras Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans, (Premio Álvaro Cunqueiro) e Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama, (Premio Manuel María) incorpóranse á colección Biblioteca Dramática Galega que se mantén aberta con Edicións Xerais de Galicia; en tanto que Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz, e Fábula galénica, de Inacio Vilariño, (premios Barriga Verde para adultos e nenos, respectivamente) publícanse en colaboración con Baía Edicións dentro da serie que leva o mesmo nome ca o galardón. Todas as obras están xa á venda nas librerías.
En Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans presenta un núcleo familiar en descomposición, no que as personaxes femininas son as protagonistas absolutas. En palabras do seu autor, Chegamos despois a unha terra gris é "teatro de personaxes, da palabra como arma" onde antiheroes modernos protagonizan un "drama de feitura clásica". Mergullándose nas zonas escuras da alma humana, o texto ofrece unha mirada sobre "o estarrecedor descoñecido que todos levamos dentro" abordando as relacións de parella, os vínculos entre as persoas e as escravitudes destas unións, o inexorable paso do tempo, as frustracións, os fracasos ou as "débiles esperanzas que nos manteñen con vida".
Dramaturgo, guionista de cine e de televisión e actor de dobraxe, Raúl Dans foi recoñecido con este texto por segunda vez co Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, o galardón de máis longa traxectoria de todos os que se convocan no seu ámbito en Galicia, que xa recibira en 1994 con Lugar, obra que o Centro Dramático Galego (CDG) levou a escena en 1999. Tamén ten no seu haber o prestixioso Premio Born, que obtivo en 1997 con Derrota, e o Rafael Dieste para Textos Teatrais por Matalobos. En 2008, Espiral Maior publicou todo o teatro breve do autor nun volume titulado Nun mundo hosti, coincidindo coa publicación de Nachtmahr, coeditada pola Agadic e Edicións Xerais e finalista dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Humor, fantasía e misterio
O V Manuel María de Literatura Dramática Infantil recaira en Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama, da que o xurado destacara a orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes, o alto grao de elaboración literaria e a singularidade do mundo creado, entre outros aspectos. O humor envolve os diálogos e a acción, situada na cidade de Néboa durante unha "aparente rebelión" de todos os reloxos, que deixan de contar o tempo cos conseguintes trastornos para os seus cidadáns. Don Cuco Campá, o Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo, buscará a solución a este misterio descubrindo todo un mundo de segredos ao seu redor.
Xornalista, escritor e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Xavier Lama foi recoñecido con numerosos galardóns tanto pola súa faceta xornalística como pola literaria, que desenvolve en eidos tan diversos como a poesía, a narrativa ou o teatro. Estreáronse catro dos seus textos teatrais e dúas desas obras (O peregrino errante que cansou ó demo e Memoria de Antígona) foron postas en escena polo CDG. Tamén é coautor de Bicos con lingua, que Talía Teatro vén representando desde o ano 2003.
Sobre o Pórtico da Gloria
Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz (VIII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques), demostra como un motivo artístico tradicional -neste caso, o Pórtico da Gloria- pode ser susceptible de tratamentos novidosos. No ditame destacárase igualmente o suxestivo que resulta o texto "non só no nivel literario senón tamén no escenográfico ou mesmo no técnico", ademais da súa versatilidade estrutural, de xeito que pode resultar acaído tanto para montaxes de pequeno como de gran formato.
Xornalista, profesor universitario e autor especializado en literatura infantil, Xosé A. Neira Cruz sitúa esta peza no momento da construción do Pórtico da Gloria, co Mestre Mateo "afanado en protexer a evolución e remate" da súa gran obra que, malia todos os atrancos, chegou aos nosos días como unha das máis impresionantes mostras escultóricas do Románico europeo. Como explica o autor, Pedra sobre pedra conta "a historia dunha infamia frecuente: a vivida polos que sofren o expolio das súas ideas, dos seus proxectos, dos seus soños... con total impunidade".
Fábula actual
Inacio Vilariño foi galardoado na categoría de teatro para rapaces pola obra Fábula galénica, da que o xurado salientou a "sinxeleza dunha historia que, porén, mobiliza unha ampla variedade de personaxes que, malia estaren maiormente inspirados no mundo das fábulas tradicionais, resultan ben actuais". A frescura e axilidade dos diálogos, así como as múltiples posibilidades escénicas que ofrece a estrutura da obra, son outros dos aspectos tidos en conta á hora de outorgarlle este premio.
Cunha ampla traxectoria profesional no ámbito do teatro de monicreques, na actualidade Vilariño compaxina a escrita teatral coa dirección da compañía Fantoches Baj e do proxecto expositvo galego-portugués Grandepequeno. En Fábula galénica, onde "hai animais que falan como as persoas e persoas que se comportan como animais", conta as aventuras do burro da tía Lola, personaxe inmortalizado polos gaiteiros Os Dezas de Moneixas no pasodobre do mesmo nome.
As catro obras gañadoras foran elixidas entre un total de 50 orixinais que optaban este ano aos premios da Agadic: 31 ao Álvaro Cunqueiro, 10 ao Manuel María e 9 ao Barriga Verde (6 na modalidade de teatro para rapaces e 3 na de adultos). Ademais de por Dolores Vilavedra, como presidenta, o xurado estivo integrado por An Alfaya, Ánxeles Cuña, Roberto Leal, Eduardo R. Cunha "Tatán" e Ricardo Solveira como vogais.