[26/12/2006] O Salón Teatro de Santiago acolle dende hoxe e até o 30 de decembro o ciclo Teatro Infantil de Nadal, no marco do que se exhibirán cinco espectáculos escénicos especialmente dirixidos ao público máis novo. Organizado polo Centro Dramático Galego (CDG), o festival comeza esta tarde, ás 19.00 horas, da man da compañía Achiperre Teatro, de Zamora, que visita Compostela cunha versión libre da obra de Shakespeare Enrique V. A continuación actuarán os grupos galegos Talía Teatro con O merlo branco (día 27), Disque Danza coa montaxe coreográfica Menú vexetal (día 28), Sapristi con Unha merenda de Alicias (día 29) e Berrobambán Teatro con Buh! (día 30).
Todas as funcións do ciclo celébranse ás 19.00 horas. As localidades poden adquirise dende dúas horas antes do comezo dos espectáculos no despacho de billetes do Salón Teatro a un prezo de 6 € por entrada e de 25 € o bono para asistir a todas as representacións.
O ABSURDO DA GUERRA
Achiperre Teatro abre o festival hoxe, día 26, con Enrique 5º, adaptación realizada polo autor belga Ignace Cornelissen e dirixida por Marcelo Díaz, coa que este grupo zamorano especializado en teatro infantil, xuvenil e de rúa obtivo o premio ao mellor espectáculo infantil na IX Feria de Teatro de Castilla y León. Cándido de Castro, Ramón Enríquez, Diego Fariña e Ana Isabel Romero dan vida a esta versión libre do drama histórico de Shakespeare que, a través dunha dramaturxia limpa e sinxela, ofrece unha parábola humorística sobre o absurdo da guerra e a puerilidade coa que os gobernantes entran no "xogo" bélico.
Mañá, 27 de decembro, a compañía de Cee Talía Teatro presentará no Salón Teatro O merlo branco, obra de Cándido Pazó dirixida por Artur Trillo. Esta historia sobre un merliño diferente –sorprendentemente é branco, ao contrario que o resto dos merlos– que emprende unha viaxe arredor do mundo na procura da súa verdadeira identidade. Marta Ríos, Toño Casais, Rosi Barcala, David Creus, Dani Trillo, Gustavo G. Dieste e María Ordoñez integran o elenco desta montaxe, pensada para nenos e nenas de entre 6 e 10 anos de idade.
A danza contemporánea tamén estará presente neste ciclo coa posta en escena, o xoves 18, do espectáculo Menú vexetal de Disque Danza. Alfredo Rodríguez é o responsable da idea –desenvolvida a partir de textos de Paula Carballeira– desta proposta que codirixe con Carmela Bueno. Paula Cobián, Patricia Tobío, Olivia Maté, Ursia Gago e a propia Carmela Bueno interpretan unha peza que ofrece a face máis divertida da comida de cor verde, inicialmente rexeitada por moitos rapaces.
Sapristi chegará o venres 29 ao Salón Teatro con Unha merenda de Alicias, adaptación libre dos textos de Lewis Carroll, con dramaturxia e dirección de José Campanari. Patricia Vázquez e Nuria Sanz protagonizan esta historia na que dúas actrices, unha boneca e un espello representan á Alicia do país das marabillas.
Berrobambán Teatro será a compañía encargada de pechar o ciclo Teatro Infantil de Nadal o sábado 30 co espectáculo Buh!, que vén de ser estreado o pasado día 15 en Outes. Paula Carballeira dirixe esta creación colectiva sobre como superar o medo a través do humor, que interpretan Lorena Conde, Chiqui Pereira e Teresa Rodríguez xunto a Manuel Vázquez, autor así mesmo da música.