[06/07/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolve no mes de xullo unha oferta formativa que inclúe tres encontros de danza clásica e contemporánea dirixidos a profesionais do sector e estudantes de nivel medio-alto. Dúas destas citas terán lugar na sede da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) na Coruña, que entre os días 26 e 30 acollerá un taller de composición coreográfica a cargo do profesor valenciano Toni Aparisi e cinco clases maxistrais de danza clásica, puntas e repertorio coa galega Paula de Castro e o francés Hervé Ilari (na imaxe), primeiros bailaríns do Ballet da Ópera de Niza.
Ademais, o CCG patrocina o curso intensivo de danza contemporánea ‘Fighting Tools’ (ferramentas para a defensa en escena), que o bailarín e coreógrafo cubano Julio César Iglesias impartirá do 15 ao 17 de xullo na nave da escola Circonove , no polígono de Novo Milladoiro (Ames), baixo a organización de Danesga (Asociación Profesional de Danza Escénica de Galicia).
Últimas prazas
Nestes momentos mantense aberto o prazo de solicitude para os tres encontros, que están a piques de esgotar as 25 prazas habilitadas para cada un dos casos. Para formalizar estas solicitudes, cómpre enviar o formulario correspondente -dispoñible para a súa descarga a través da web www.centrocoreografico.org- ao enderezo electrónico formacion.ccg@xunta.es.
Toni Aparisi, Premio Max de Danza en 2007 e profesor do Conservatorio Superior de Danza de Valencia, distribuirá as súas sesións diarias -que se celebrarán en horario de tarde- en dúas partes, cunha clase técnica de dúas horas de duración e outras tres horas dedicadas ao taller coreográfico. Na actualidade, Aparisi compaxina a reposición das súas coreografías para Ananada Dansa coa posta en escena da peza ‘Desalmados’ para a mesma compañía. Con ArteBusca prepara, ademais, un espectáculo para o festival de música contemporánea EMSENS, xunto a Ana Luján.
Nas mesmas datas, en horario de 10.00 a 14.30 h, terán lugar as clases maxistrais de danza clásica, puntas e repertorio a cargo da bailarina ferrolá Paula de Castro e de Hervé Ilari, nado na cidade francesa de Cannes. Ambos posúen unha destacada formación e traxectoria profesional internacional, coincidindo dende hai sete anos no Ballet à l'opera de Nice como primeiros bailaríns.
O prezo da matrícula é de 50 euros para cada un destes dous encontros, e de 70 euros para os alumnos que asistan a ambos. No caso do curso de ‘Fighting tools’, a matrícula é gratuíta.
Julio César Iglesias, graduado pola Escola Nacional de Danza de Cuba como bailarín e profesor de danza moderna e contemporánea, será o encargado de impartir este terceiro obradoiro intensivo, que se celebra os días 15, 16 e 17 en horario de 10.00 a 15.00 horas. O curso articularase en tres apartados -técnica, composición coreográfica e improvisación- a partir dos que se afondará nas distintas ferramentas para interpretar escenas de loita e defensa.