Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TRAS ESGOTARSE A VENDA ANTICIPADA DE ENTRADAS PARA TODAS AS FUNCIÓNS, AS ÚLTIMAS LOCALIDADES DISPOÑIBLES PODERÁN ADQUIRIRSE A PARTIR DE MAÑÁ NO DESPACHO DE BILLETES

O Auditorio de Galicia encherase na estrea de 'A ópera dos tres reás' do CDG

[23/06/2011] O Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela encherase esta noite con motivo da estrea de A ópera dos tres reás, espectáculo musical do Centro Dramático Galego (CDG) con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e Luis Tosar como actor protagonista. O espazo compostelán, co seu aforo dun milleiro de butacas completo, acollerá ás 21.00 horas esta primeira representación da versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, á que asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, así como outros recoñecidos nomes da vida política e cultural galega.

A ópera dos tres reás

O CDG esgotou, ademais, a venda anticipada de entradas para as tres restantes funcións en Santiago: venres 24, sábado 25 e domingo 26, ás 21.00 horas. As localidades dispoñibles -125 por día- poderán adquirirse directamente no despacho de billetes do Auditorio de Galicia, en horario de 12.00 a 14.00 horas e a partir das 17.00 horas, a un prezo de 15 euros. Cada un dos días só se porán á venda as entradas correspondentes á función desa mesma noite.

Esixente posta en escena
Tanto o seu extenso elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, como a ampla xira que desenvolverá fóra de Galicia, sitúan a A ópera dos tres reás entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento pola compañía pública. A esixente e vertixinosa posta en escena ensamblada por Quico Cadaval ofrece preto de vinte números musicais durante as súas dúas horas e vinte e cinco minutos de duración.

Luis Tosar, no papel de Mackie Messer (Makie da Faca), encabeza o elenco de actores-cantantes do que tamén forman parte Marcos Orsi, Muriel Sánchez e Begoña Santalices, nos papeis protagonistas, así como César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta. Xunto con eles, sobre o mesmo escenario e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Sinopse
A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo, a tortura e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (César Goldi), xefe da Policía e amigo persoal de Mackie.

Na adaptación de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século.

A ópera dos tres reás conta co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e enmárcase, así mesmo, nas programacións do Ano da Música de Galicia e Galicia Classics.

Ligazóns