[19/12/2006] O Salón Teatro de Santiago acollerá os vindeiros días 21 e 22 de decembro, ás 20.30 horas, dúas funcións de Woyzeck, espectáculo co que o Teatro Nacional São João de Porto se presenta por vez primeira en Galicia. Nuno Cardoso, un dos novos talentos da dirección escénica portuguesa, dirixe e forma parte do elenco desta versión da obra póstuma e máis coñecida do autor alemán Georg Büchner.
O Salón Teatro é o terceiro destino no ámbito do estado español desta montaxe, representada tamén no Teatro de La Abadía de Madrid e no Lliure de Barcelona dentro do programa de internacionalización da compañía pública portuguesa que, baixo a dirección de Ricardo Pais, é na actualidade unha das estruturas de produción escénica máis destacadas do país veciño.
As entradas para asistir ás dúas representacións en Santiago do Teatro Nacional São João poranse á venda no despacho de billetes do teatro dende dúas horas antes do comezo da función. O prezo das localidades é de 10 €, sobre o que se aplicará un desconto do 50% para estudantes, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego.
ESCENOGRAFÍA ONDULANTE
Cun elenco de 12 actores do que, ademais de Nuno Cardoso como Woyzeck, forman parte António Júlio, Cátia Pinheiro, Daniel Pinto, Fernando Moreira, Hugo Torres, Marta Silva, João Miguel Melo, Luís Araújo, Miguel Rosas, Patrícia Brandão e Paulo Moura Lopes, o espectáculo conta coas achegas do equipo de colaboradores co que Cardoso traballa de xeito habitual. Trátase dunha gran produción escénica, que precisa de tres días de montaxe técnico e na que, xunto co vestiario de Teresa Azevedo Gomez, a música de Sérgio Delgado e a iluminación de José Álvaro Correia, destaca a forte presenza da escenografía ondulante deseñada por Fernando Ribeiro.
A pesar de que Büchner faleceu antes de concluíla, Woyzeck é a obra máis coñecida deste dramaturgo e narrador alemán (Goddelau, 1813-Zurich, 1837). Este drama, baseado no caso real do soldado Johann Christian Woyzeck, foi publicado en fragmentos en 1879 e subiu por vez primeira aos escenario no ano 1913 en Múnic.
A historia arrinca o 3 de xuño de 1821 na cidade de Leipzig cando un antigo soldado e humilde barbeiro, cobaia nun experimento científico, asasina á súa amante nun ataque de ciumes e impulsado por unhas "voces subterráneas". Büchner terá acceso aos documentos do proceso do "caso Woyzeck", obxecto de estudo forense e médico durante os anos seguintes, que dará pé a este clásico da dramaturxia universal.
Con este espectáculo, Nuno Cardoso –director artístico do Teatro Carlos Alberto de Porto– ponse novamente á fronte dunha produción do Teatro Nacional São João, co que colabora de xeito regular dende 1997. A compañía estatal comezou a súa andaina en 1992, ano no que o edificio no que ten a súa sede foi adquirido polo Goberno portugués. Ademais da programación e produción propia, o São João organiza o festival PoNTI (Porto Natal Teatro Internacional), traballa na proxección exterior da produción dramática portuguesa e desenvolve unha intensa tarefa formativa, entre outras accións.