[19/06/2011] Un total de 47 obras optan este ano aos tres premios de literatura dramática que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo. Delas, 23 son candidatas ao Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, que en 2011 alcanza a súa vixésima edición consolidado como galardón de referencia para a dramaturxia en galego. Ademais, a entidade da Consellería de Cultura e Turismo recibiu outros 17 orixinais para o VI Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e 7 para o IX Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (modalidades de público infantil e adulto).
Comeza agora o labor de lectura e avaliación por parte do xurado, que deberá facer público o seu ditame antes do 30 de novembro. O tribunal, que está constituído por seis profesionais de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico, valorará aspectos que teñen que ver coa calidade literaria e dramática, a viabilidade escénica, a especificidade de cada premio e o coidado da lingua.
Cada un dos galardóns e modalidades conta cunha dotación económica de 6.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións dramáticas que a Agadic coedita con distintas empresas galegas.
Traxectoria de prestixio
Convocado por vez primeira en 1989 co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, o Premio Álvaro Cunqueiro é na actualidade o galardón de máis longo percorrido de todos os que se convocan neste ámbito en Galicia. Dende entón, unha destaca nómina de 15 dramaturgos galegos conseguiron facerse con este recoñecemento, dotándoo ao tempo dunha traxectoria de prestixio: Raúl Dans (2010 e 1994), Manuel Lourenzo (2009), Teresa González Costa (2008), Roberto Salgueiro (2007, 2002, 2000 e 1998), Manuel Guede (2006), Rubén Ruibal (2005), Antón Lopo (2004), Siro López (2003), Afonso Becerra de Becerreá (2001), Manoel Riveiro (1993), Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido (1992), Roberto Vidal Bolaño (1991), Agustín Magán (1990) e Euloxio R. Ruibal (1989).
A pesar do seu historial máis recente, tanto o Premio Manuel María como o Barriga Verde contan tamén cunha nutrida relación de gañadores, entre os que figuran Xavier Lama, Xosé A. Neira Cruz, Inacio Vilariño, Teresa González Costa, Carlos Losada, Paula Carballeira, Begoña García, Breogán Riveiro, Xosé Manuel Fernández Castro, Celia Díaz Núñez, Gabriel Castilla Raspa e Celestino Antelo Gerpe.