Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

XUNTO COA AGRUPACIÓN DE COOPERACIÓN TERRITORIAL, ASINARÁN UN ACORDO DE COLABORACIÓN NO MARCO DO ENCONTRO PORTUGAL CRIATIVIO QUE SE CELEBRA A VINDEIRA SEMANA NO PORTO

A Agadic e a Addict portuguesa impulsarán os contactos empresariais entre as industrias creativas da eurorrexión

[10/06/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo, a Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas (Addict) de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal redactaron un protocolo de colaboración tranfronteiriza a través do que buscan facilitar e dinamizar os intercambios e contactos empresariais entre os axentes culturais da eurorrexión.

O acordo, a través do que se establece un marco xeral de colaboración cara á realización de proxectos conxuntos, será asinado no marco do encontro Portugal Criativo que, baixo a organización da Addict, se desenvolverá do 16 ao 18 de xuño no Porto e que contará coa asistencia do director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero.

Ademais da promoción do intercambio de experiencias e de proxectos de colaboración entre as industrias culturais e creativas de ambos países, as tres entidades definirán unha metodoloxía común para a identificación dos axentes implicados, co obxectivo final de habilitar unha base de datos e un directorio nos ámbitos de música, escena, audiovisual e edición, entre outros, que permita obter un cálculo integrado da importancia económica das industrias culturais e creativas no ámbito da eurorrexión.

Canais de comunicación
A través deste protocolo, a Agadic, a Addict e a Agrupación de Cooperación Territorial comprométense tamén a impulsar canais de comunicación que favorezan un maior e mellor coñecemento mutuo das actividades que, nos ámbitos das súas respectivas competencias, se veñen desenvolvendo a ambos lados da fronteira.

Promoverase igualmente a posta en común de temáticas de interese para as industrias culturais de ambos países no marco dun foro a través do que optimizar o seu traballo no contexto da cooperación transfronteiriza, tendo en conta que, na actual conxuntura, esta colaboración maniféstase como unha vía eficaz cara á mellora da competitividade empresarial e o desenvolvemento de novos produtos e servizos.

A través desta iniciativa dáse pois un paso adiante no proceso de intercambio e cooperación co Norte de Portugal, que se veu reforzado no período 2009-2011 a través do programa cultural europeo CREATIVA, impulsado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio da Cultura portugués, con financiamento a cargo dos fondos FEDER.

Neste caso, a Agadic colabora coa Addict portuguesa como plataforma que agrupa a máis de 100 asociados en diferentes ámbitos das industrias creativas e cuxa prioridade é favorecer o coñecemento, a información, a promoción e a coordinación do sector cara ao desenvolvemento do emprendedurismo e da economía creativa.

Ligazóns