Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 12 ALUMNOS ASISTIRÁ ÁS CLASES QUE TERÁN LUGAR MAÑÁ E O SÁBADO

Xosé Manuel Budiño pecha en San Simón as Master Class de Música Tradicional da Agadic cun curso sobre a gaita en escena

[02/06/2011] O gaiteiro Xosé Manuel Budiño impartirá mañá venres e o sábado na illa de San Simón un curso sobre a técnica e posibilidades da gaita galega en escena, co que se porá fin á cuarta edición do ciclo de Master Class de Música Tradicional que organiza a Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Un total de 12 alumnos asistirá a este encontro, no que o músico moañés realizará un amplo percorrido pola historia, técnica e repertorio da gaita, en especial da galega.

Xosé Manuel Budiño

O obradoiro, que se desenvolverá en dúas sesións lectivas -a de mañá, en horario de 17.00 a 21.00 h e a do sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00-, abordará aspectos tanto teóricos como prácticos que van dende a historia, tipoloxía e construción da gaita, ata as técnicas de respiración, gravación en estudio ou microfonía para concertos. Budiño ofrecerá, así mesmo, unha introdución aos samplers e secuenciadores software, ademais de analizar o repertorio básico de composición para este instrumento.

Completarase así este cuarto ciclo de master class, que deu comezo a pasada fin de semana cos cursos impartidos polo violinista Duncan Chisholm e o percusionista Sebastián Rubio sobre violín escocés e caixón flamenco, respectivamente. Con este encontro, Budiño súmase a ampla nómina de destacados profesionais da música tradicional que teñen compartido os seus coñecementos a través das clases maxistrais organizadas pola Agadic: xunto con Chisholm e Rubio, Carlos Castro, Chefa Alonso, Eliseo Parra, Carlos Beceiro, Steven Greenman, Kepa Junquera e Antonio Placer.

Proxección internacional
Gaiteiro galego de gran proxección internacional, Xosé Manuel Budiño conta cunha recoñecida traxectoria inspirada directamente na música tradicional, pero sempre cun estilo propio que ten na innovación o seu sinal de identidade.

Budiño fórmase na escola de gaitas Semente Nova de Moaña e na Universidade Popular de Vigo a principios dos oitenta. Despois de traballar no eido da música tradicional galega durante anos, explora outras canles artísticas tocando a cotío con xente dos ámbitos dos jazz, do clásico, do pop ou do flamenco e compartindo cartel e escenario con músicos coma Van Morrison, Jerry González, Jorge Pardo, Capercaillie ou a Orquestra Sinfónica de Lorient.

Até o de agora ten editados cinco traballos discográficos (Paralaia, Arredor, Zume de Terra, Home, Volta), todos eles recoñecidos mundialmente pola crítica especializada e con premios de renome.

Xosé Manuel Budiño traballa habitualmente con canles de distribución audiovisual, como a BBC do Reino Unido, na composición musical de bandas sonoras. Un destes destacados traballos foi a composición da obra Compostela para o programa "O día do Millennium", organizado pola BBC en colaboración con máis de 300 televisións do mundo para a noite do 31 de decembro de 1999.

Ligazóns