[31/05/2011] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o venres 10 de xuño, ás 21.00 horas, o concerto "Camelias para Cunqueiro", no que Amancio Prada interpretará poemas do gran autor mindoniense dentro da programación conmemorativa "2011, Ano Cunqueiro", que a Xunta de Galicia promove a través da Consellería de Cultura e Turismo no centenario do nacemento do escritor. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Consello da Cultura Galega colaboran na organización deste recital poético musical, para o que xa está dispoñible a venda anticipada de entradas a través da billeteira electrónica de Novacaixagalicia no enderezo www.caixagalicia.es.
Acompañado por Hilary Fielding ao violonchelo e Josete Ordóñez á guitarra e mandola, Amancio Prada porá voz e música ao poemario de Cunqueiro a través de títulos tan coñecidos como A dama que ía no branco cabalo, O cabaleiro da pruma na gorra, No sono do cuco novo ou Outono cedo de gaitas. O intérprete leonés rende así a súa particular homenaxe a Álvaro Cunqueiro, a quen tivo a oportunidade de coñecer persoalmente e de trasladarlle o seu desexo de musicar os seus versos, que finalmente gravaría no disco A dama e o cabaleiro, editado en 1987.
As localidades para o recital do próximo día 10 poden adquirirse a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplica un desconto do 40% para estudantes, titulares do carné xove, xubilados e persoas en situación de desemprego. A billeteira do Salón Teatro abrirá o mesmo día do concerto, a partir das 19.00 horas.
Exposición na Casa da Parra
O programa "2011, Ano Cunqueiro" ofrece dende o pasado mes de febreiro e ata finais de decembro un completo abano de actividades, a través do que a Consellería de Cultura e Turismo busca enxalzar o enxeño e a liberdade creadora que definiron a traxectoria literaria de Álvaro Cunqueiro. Así, o xenial escritor é tamén obxecto da exposición itinerante No niño novo do vento , que pode visitarse na Casa da Parra de Santiago de Compostela ata o vindeiro 26 de xuño.
Promovida pola Xunta de Galicia, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia, baixo o comisariado de María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, a mostra exhibe todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das principais obras de Cunqueiro.
O horario da exposición, de acceso gratuíto, é de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas de martes a sábado, e de 11.00 a 14.00 horas os domingos. Trala súa estadía en Santiago, No niño novo do vento -que foi inaugurada o pasado mes de abril en Mondoñedo- visitará Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ferrol, para acabar o seu percorrido a finais de decembro en Vigo cunha instalación na Fundación Penzol.