[26/04/2011] O violinista Duncan Chisholm e o percusionista Sebastián Rubio serán os mestres encargados de abrir mañá na illa de San Simón o IV ciclo de Master Class de Música Tradicional, coa impartición durante dous días de senllos cursos dedicados a distintos contidos teóricos e prácticos sobre o violín escocés e o caixón flamenco. Unha decena de alumnos participarán nesta iniciativa, que organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo como complemento formativo dedicado especialmente a aspectos ou instrumentos moi concretos dentro do amplo abano da música tradicional de todas as procedencias.
O violinista escocés e fundador do grupo Wolfstone, Duncan Chisholm, repite como profesor deste ciclo despois do éxito acadado na edición de 2009. Baixo o título "Técnica e estilos do violín escocés", Chisholm centrarse no estilo tradicional da música das Highlands, á que incorporará a aprendizaxe de melodías de gaita, strathspeys, reels, jigs e aires lentos.
Pola súa banda, o percusionista andaluz Sebastián Rubio, excompoñente de grupos como Ketama ou Radio Tarifa, impatirá un obradoiro de caixón flamenco, no que traballará na aprendizaxe do nivel rítmico, tipos de ritmos e compases (bulerías, tango, rumba, alegrías, tanguillos…), compases binarios e ternarios. Tamén centrará as súas leccións en coñecementos básicos de interpretación deste instrumento, como colocación, sons e técnica; e na aplicación dos conceptos estudados á música.
Unha terceira master class titulada "A gaita en escena, técnicas e posibilidades" será impartida por Xosé Manuel Budiño os días 3 e 4 de xuño. O gaiteiro moañés fará un amplo e variado percorrido polo mundo da gaita: historia, tipoloxía, construción, técnicas de respiración, gravación en estudo ou microfonía de concerto, así como unha introdución aos samplers e secuenciadores software. Para participar neste último curso mantense aínda aberto o prazo de matrícula a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.
Duncan Chisholm
Alumno do grande Donald Riddell, Duncan Chisholm ten levado a súa música ás salas de concertos e estadios de Europa e América. A terceira gravación en solitario de Duncan, Farrar, que foi galardoada nos Premios da Música escocesa como Álbum do Ano 2008, e o seu máis recenté, Canaich, forman as partes 1 e 2 dunha serie de álbumes chamada A triloxía Strathglass. Este corpo de traballo está inspirado polas paisaxes das Highlands poboadas polos seus antepasados. Duncan é ben coñecido polo brando falado lirismo do seu xeito de tocar. Con todo, tamén ten composto moitas cancións e melodías; unha das cales aparece na banda sonora da película gañadora dun Oscar: O indomable Will Hunting. A primeiros de 2007 foi chamado pola notable vocalista gaélica Julie Fowlis para actuar en concertos con ela e a súa banda. Continúa a traballar con Julie Fowlis e Wolfstone, mentres escrebe e toca o seu material en solitario.
Sebastián Rubio
Nace en Jerez de la Frontera, onde inicia os seus estudos musicais e comeza a tocar a batería e percusións con Flamencos de Jerez como Diego Carrasco, Periquín (Niño Jero) e co cantautor de El Puerto de Santa María, Javier Ruibal. Máis tarde trasládase a Sevilla para continuar estes estudos, entrando a formar parte do grupo de percusión de música contemporánea baixo a dirección de Pedro Vicedo.
En Sevilla coñece a músicos como Raimundo Amador e Romeu San Juan, cos que posteriormente colaborará en diversas formacións. Máis tarde vai para Madrid e entra a formar parte da banda que acompañará a Ketama durante oito anos. Intégrase a continuación no grupo Radio Tarifa, onde permanece durante doce anos.
Gravou discos tocando a batería e as percusións (congas, bongos, darbuka, pandeireta árabe, pandeiros, caixón, percusións de man) e acompañando a artistas en directo como Javier Ruibal, Gerardo Núñez, Diego Carrasco, Romeu San Juan, Raimundo Amador, Martirio, Mestisay, Ketama, María Jiménez, Javier Álvarez, Ismael Serrano, Clara Montes, Radio Tarifa, La Musgaña, Kepa Junquera, Luétiga, Xosé Manuel Budiño, Javier Paxariño, Nono García e Joaquín Ruiz.
Actuou por case toda España, así como en Australia, Xapón, Nova Zelandia, Canadá, Noruega, Dinamarca, Suíza, Suecia, Inglaterra, Francia, Bélxica, Alemaña, Holanda, Italia, Portugal, Grecia, Turquía, Marrocos, Estados Unidos, México, Brasil e Colombia.Deu cursos de percusión en Pirineo Sur, Folk Chinchón, etc. Actualmente imparte clases de percusión en academias e colabora en directo coas bandas Taifas, Susana Cáncer, ZooBazar, Antonio Toledo Trío e Andreas