[22/05/2011] A música galega estará amplamente representada no festival Primavera Sound, unha das principais citas do panorama independente a nivel internacional, a través dunha delegación artística e empresarial que viaxará a vindeira semana a Barcelona grazas ao acordo subscrito entre a organización do encontro e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en colaboración coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM).
A entidade da Consellería de Cultura e Turismo patrocina a participación das bandas Colectivooruga (na imaxe), Disco Las Palmeras!, Eladio y los Seres Queridos, Igloo, Maryland e Nouvelle Cuisine, que ofrecerán un total de nove concertos entre o xoves 26 e o domingo 29 de maio en diferentes escenarios do Parc del Fórum e do Parc Central del Poblenou. Así mesmo, as empresas que representan a estes seis grupos (Ernie Producciones, EsmerArte Servicios Artísticos, Matapadre Discográfica e Nouvelle Cuisine Managemet) tomarán parte no encontro profesional PrimaveraPro, que se desenvolverá de xeito paralelo ao festival e para o que están acreditados máis de 800 axentes da industria musical de 28 países.
Recepción profesional
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, e membros da directiva de AGEM integrarán tamén esta delegación galega, que na tarde do xoves protagonizará unha recepción no PrimaveraPro á que están convidados representantes de festivais, salas de concertos, promotoras, empresas de management, discográficas, entidades públicas e prensa especializada. As firmas e os grupos galegos terán a oportunidade de trasladar aos asistentes o bo momento que vive a nosa escena indie, tanto dende o punto de vista da calidade e variedade das propostas como do dinamismo empresarial, coincidindo ademais coa declaración de 2011 como o Ano da Música de Galicia en recoñecemento institucional a este sector.
Por outra banda, Galicia estará presente nun dos escenarios principais do Primavera Sound da man de Triángulo de Amor Bizarro, que abrirá a programación deste espazo o xoves 26, ás 18.00 horas. O cuarteto galego foi seleccionado directamente pola organización do Festival como parte dun destacado cartel internacional no que figuran nomes como Animal Collective, Belle & Sebastian, Fleet Foxes, PJ Harvey, Pulp, Interpol ou Sufjan Stevens.
Porén, a música galega poderá escoitarse dende unha hora antes, cando ás 17.00 horas Colectivooruga suba ao escenario Jägermeister Vice, dedicado ás propostas cos sons máis contundentes. Xa pola noite, ás 23.15 horas, terá lugar a actuación de Eladio y Los Seres Queridos no escenario Adidas Originals, espazo que a organización destina á promoción de bandas emerxentes. Aquí tocarán tamén Nouvelle Cusine (venres 27, ás 17.00 h), Maryland (venres 27, ás 20.45) e Igloo (sábado 28, ás 18.15), mentres que o concerto de Disco Las Palmeras! comezará ás 17.00 horas do sábado no Jägermeister Vice.
Eladio y Los Seres Queridos, Maryland e Igloo actuarán ademais o sábado e o domingo pola mañá nos escenarios instalados no Parc Central del Poblenou, próximo ao recinto principal do Primavera Sound, como parte da programación paralela Primavera a la Ciutat, que o festival abre de xeito gratuíto a toda a cidadanía.