[16/05/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá martes, Día das Letras Galegas, a posta en escena de Mundo Lois, un espectáculo ideado por Antón Reixa que pretende poñer en valor e difundir a obra do poeta Lois Pereiro, a quen se lle dedica este ano o 17 de maio. Lino Braxe encargouse da dirección e adaptación da montaxe e, acompañado pola actriz Antela Cid, sobe ao escenario para dar voz aos versos do monfortino. A función única, que dará comezo ás 21:00 horas, insírese na programación de temporada deseñada polo Centro Dramático Galego (CDG) para o Salón Teatro.
Mundo Lois mestura a interpretación teatral do legado poético de Pereiro cunha escenografía audiovisual asinada por Manu Paz e Antón Reixa, ademais dunha banda sonora, interpretada en directo por Alexandro González, que atende a referencias tanto de cancións pop dos Beatles ou de Radio Océano, como á música culta explicitada polo autor.
Estreada en Vigo o pasado mes de marzo, esta coprodución das empresas Nordesía, Filmanova e Kachet, con dirección técnica e produción executiva de Paco de Pin, está a realizar unha intensa xira ao longo do ano por toda a xeografía galega.
A montaxe pretende propiciar o que foron os fundamentos estéticos do homenaxeado do Día das Letras deste ano, ofrecendo unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da súa personalidade artística. Así, a través dun universo de imaxes, cancións e versos, os espectadores descubrirán a maneira de enfrontarse a medios, ilusións, ideas e paisaxes vitais que Pereiro foi pouco a pouco percorrendo ata o momento da súa morte.
Novos públicos
Partindo do feito de que a conmemoración do 17 de maio estea adicada a un escritor tan próximo no tempo e que traballou en claves moi elaboradas da escrita de avangarda e da cultura popular xuvenil, supón unha oportunidade singular para interesar pola cultura de expresión galega a novos públicos. Lois Pereiro non só edificou unha obra poética en sintonía cos códigos máis modernos, senón tamén (e xeneracionalmente) subsume na súa propia obra e figura unha ampla rede de conexións e referencias coa música, o cinema e as artes plásticas.
As entradas para Mundo Lois poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro a partir das 19.00 horas. Ademais, xa está dispoñible a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.
O autor
Lois Pereiro nace en Monforte de Lemos en 1958. Con dezasete anos marcha a Madrid para cursar estudos de tradución. Nesta cidade, ao tempo que traballa como tradutor de series e filmes, inicia a sua andaina como poeta xunto a outros poetas galegos e artistas que tamén vivían na capital: Manuel Rivas, Xavier Seoane e Antón Patiño. Con eles funda as revistas Loia (que só terá 4 números) e Luzes de Galiza.
A comezos dos anos oitenta o poeta regresa a Galicia onde forma parte do grupo de poetas radicados na Coruña e artífices da publicación colectiva De amor e desamor. Nesta época xa goza de certo prestixio no ámbito poético galego, o cal se verá acentuado cando gaña o Concurso Nacional de Poesía O Facho e coa posterior publicación en 1992 do seu primeiro libro: Poemas 1981/1991. Tres anos despois aparece o segundo libro, Poesía última de amor e efermidade. Trás a súa morte en 1996 seu irmán publica Poesía para unha Loia, unha recompilación de poemas da época madrileña. Neste libro tamén aparece o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia.
A súa breve produción literaria vese completada cunha novela inacabada da que só escribiu oito capítulos (publicados en Luzes de Galiza) de título Náufragos do paradiso, e tamén coa composición de letras para as cancións do grupo punk Radio Océano.