Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DUNCAN CHISHOLM, SEBASTIÁN RUBIO E XOSÉ MANUEL BUDIÑO SERÁN OS MESTRES DA ACTUAL CONVOCATORIA

A Agadic organiza un novo ciclo das "Master Class de Música Tradicional" dedicado ao violín, ao caixón flamenco e á gaita

[11/05/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo organiza o IV ciclo das "Master Class de Música Tradicional", dedicado nesta ocasión ao violín escocés, ao caixón flamenco e á gaita mediante tres cursos que serán impartidos polo violinista Duncan Chisholm, o percusionista Sebastián Rubio e o gaiteiro Xosé Manuel Budiño (na imaxe). A illa de San Simón acollerá por segunda vez aos 45 alumnos que poderán participar no desenvolvemento das clases entre os vindeiros 27 de maio e 4 de xuño.

Xosé Manuel Budiño

O violinista escocés e fundador da formación Wolfstone, Duncan Chisholm, repite como profesor deste ciclo despois do éxito acadado na edición de 2009. Baixo o título "Técnica e estilos do violín escocés", Chisholm centrarse no estilo tradicional da música das Highlands, á que incorporará a aprendizaxe de melodías de gaita, strathspeys, reels, jigs e aires lentos. O curso celebrarase o venres día 27 de maio en horario de 17 a 21 h e o sábado 28 de maio pola mañá de 10 a 14 e pola tarde de 17 a 21 h.

Procedente de Ketama
Nos mesmos días e co mesmo horario que o curso de violín, terá lugar de xeito simultáneo o "Obradoiro de caixón flamenco" a cargo do percusionista Sebastián Rubio, exintegrante de grupos como Ketama ou Radio Tarifa. Os alumnos que asistan á súa clase maxistral aprenderán a desenvolver o nivel rítmico, tipos de ritmos e compases (bulerías, tango, rumba, alegrías, tanguillos), compases binarios e ternarios e de 5/8 e 6/8. Adquirirán, así mesmo, coñecementos básicos de interpretación deste instrumento, como colocación, sons e técnica; e aplicarán os conceptos estudados á música.

A master class "A gaita en escena, técnicas e posibilidades" será impartida por Xosé Manuel Budiño os días 3 e 4 de xuño (venres, de 17:00 a 21:00 e sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas). O gaiteiro moañés fará un amplo e variado percorrido polo mundo da gaita: historia, tipoloxía, construción, técnicas de respiración, gravación en estudo ou microfonía de concerto, así como unha introdución aos samplers e secuenciadores software. Os inscritos neste curso traballarán ademais no repertorio de composición de Budiño a través dos seus traballos discográficos: desde Paralaia a Volta.

Cada master class ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos. Estes serán seleccionados directamente polos mestres en función dos seus méritos e deberán achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, teñen a posibilidade de realizar a inscrición en liña a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.

Ligazóns