Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

SERÁ O 4 DE XUÑO DIANTE DUN MÁXIMO DE 30 ALUMNOS DE NIVEL AVANZADO E EN COLABORACIÓN CO FESTIVAL MOZART

Ángel Corella impartirá o 4 de xuño unha clase maxistral de danza clásica no Centro Coreográfico

[06/05/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) acollerá o vindeiro 4 de xuño unha clase maxistral de danza clásica impartida polo bailarín Ángel Corella, quen ofrecerá dúas horas de ensino presencial entre estudantes galegos de nivel avanzado. A iniciativa insírese nun acordo xeral de colaboración acadado entre a unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e o Festival Mozart da Coruña.

Angel Corella

O Corella Ballet actuará os días 4 e 5 do próximo mes no Palacio da Ópera da Coruña, onde interpretará El lago de los cisnes de Tchaikovsky, dentro da programación do devandito festival e en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia e o propio Centro Coreográfico. Así, a clase maxistral desenvolverase entre as 12:00 e as 14:00 horas do día 4, aproveitando a breve estadía de Ángel Corella na Coruña.

As incricións son gratuítas para os alumnos/as interesados/as, que deberán formalizar a súa solicitude de participación a través dos enderezos electrónicos formación.ccg@xunta.es ou actividades.ccg@xunta.es. Xunto á inscrición, que non supón a aceptación automática na clase, haberá que achegar tamén un breve curriculum. Está previsto un máximo de 30 prazas, polo que os estudantes finalmente seleccionados recibirán unha comunicación a tal efecto do CCG.

Figura internacional
Ángel Corella é unha das principais figuras da danza actual dentro e fóra de España. Comezou a súa carreira en danza clásica da man de Víctor Ullate. En 1995 incorporouse ao American Ballet Theatre, no que obtivo a categoría de bailarín principal un ano despois. É estrela convidada do Royal Ballet de Londres, do Ballet de Australia, da Scala de Milán, do Ballet de Chile, do Ballet de Finlandia, do Asami Maki Ballet de Tokio, do Bolshoi Ballet, do New York City Ballet ou do Kirov Ballet de San Petersburgo, entre outros.

Ao longo da súa carreira profesional, Corella ten representado todos os roles principais do repertorio clásico e neoclásico; e coreógrafos da valía de John Neumeier, Twyla Tharp, Mark Morris, Chistopher Wheeldon ou Davis Paterson crearon traballos para ser interpretados especificamente por el.

En 2001 creou a fundación que leva o seu nome co propósito de fomentar a arte da danza clásica e facilitar os medios a bailaríns que, por circunstancias sociais ou económicas, non poden levar a cabo a súa formación. Tras sete anos de traballo, un dos grandes proxectos da Fundación Ángel Corella, o Corella Ballet de Castilla y León, comezou a súa actividade en 2008 desde a localidade segoviana da Granxa.

En 2002 recibiu o Premio Nacional de Danza en recoñecemento á excepcionalidade da súa danza e como representante de toda unha xeración de artistas españois que destacaron en compañías internacionais. Tamén foi galardoado coa Medalla de las Artes de la Comunidad de Madrid, o Premio Internacional Benois de la Danse, a Estrella de la Cultura da cidade de Salamanca e o premio Galileo 2000.

Ligazóns