Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

É UNHA CITA ABERTA AO PÚBLICO XERAL, QUE TERÁ LUGAR O VENRES 6 ÁS 18:00 NO CGAC E NA QUE PARTICIPARÁN MÁIS DE 30 PROFESIONAIS

Agadic patrocina unha mesa de debate sobre proxectos e perspectivas do deseño industrial e gráfico galego

[05/05/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) patrocina unha mesa de debate sobre a situación do deseño galego industrial e gráfico na que máis de 30 firmas do sector exporán os seus últimos proxectos e as súas ideas de futuro. Baixo o título "Radiografía do deseño galego", está organizada pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG) e terá lugar mañá día 6 de maio no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) de Santiago de Compostela. O público poderá acceder libremente a esta cita na que participarán profesionais e docentes nun debate aberto sobre as experiencias e as perspectivas do deseño feito en Galicia ou por deseñadores/as galegos/as.

Imaxe gráfica da iniciativa

Así mesmo, desde o apartadado "Acción DAG" amosaranse distintos proxectos para a súa posta en valor e promoción nos ámbitos da cidadanía, profesional, empresarial e cultural.

A través desta convocatoria aberta preténdese iniciar un novo espazo para amosar proxectos e convertelo nun referente para as empresas, institucións, estudantes e calquera persoa interesada no deseño e na cultura en xeral. Máis de 30 estudios presentarán os seus últimos traballos, nos cales pretenden demostrar a importancia do deseño como ferramenta estratéxica para a innovación no ámbito empresarial e cultural.

Emanuela Saladini como moderadora
Emanuela Saladini investigadora do Departamento de Historia da USC e profesora do Máster en arte, museoloxía e crítica contemporáneas exercerá como moderadora do debate no que, entre outros, participarán Manuel del Río, deseñador e membro do estudio Cenlitrosmetrocadrado; Marcos Dopico, deseñador gráfico e profesor de Deseño na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo; Óscar Otero, deseñador web en A navalla suíza; Pepe Barro, deseñador gráfico e membro do estudio Revisión; Suso Vázquez, arquitecto e deseñador gráfico en Desescribir; Uqui Permui, deseñadora do estudio Uqui-Cebra; Xosé Ramón Méndez, deseñador industrial e director da Escola Universitaria de Deseño Industrial da Universidade da Coruña.

Ligazóns