Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE DIRIXIDA POR ARTURO LÓPEZ PODERÁ VERSE O XOVES 5 E O VENRES 6 ÁS 20.30H

Espello Cóncavo escenifica no Salón Teatro a peza "Limpeza de sangue", escrita por Rubén Ruibal

[03/05/2011] A compañía coruñesa Espello Cóncavo pon sobre as táboas do Salón Teatro de Santiago Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), unha das pezas máis galardoadas da nova dramaturxia galega, da que é autor Rubén Ruibal. A forza narrativa do texto, un inxente traballo actoral e unha escenografía moi influenciada polo cinema caracterizan esta montaxe dirixida por Arturo López, que poderá verse no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) este xoves día 5 e o venres día 6 ás 20.30 horas.

Limpeza de sangue

A peza, que lle valeu ao seu autor o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais do ano 2005, o Premio Nacional de Literatura Dramática de 2007 e o Premio María Casares 2011 ao mellor texto teatral en galego, sitúa na cidade da Coruña e cunha estética urbana unha trama que trata temas eternos, como son o medo á morte e a marxinalidade por medio de dous personaxes unidos polo preto que andan do delito e, sobre todo, polo preto que andan da dor e da morte.

Sergio Zearreta e Xavier Pan, nos papeis e Fernando e Pantaleón respectivamente, encabezan o elenco deste drama no que interpretan a un ex toxicómano en paro e a un arquitecto de éxito implicado nunha estafa no sector da construción. Procedentes de mundos aparentemente opostos, pero igualados pola mesma enfermidade, vense obrigados a facerse mutua compañía na sala de diálise dun hospital á espera dun transplante ou do inevitable pasamento. Mentres purifican o seu sangue, ven nacer unha amizade inimaxinable en medio da corrupción, a violencia e a inxustiza.

Máis de trinta escenas
Ademais de Zearreta e Pan, completan o equipo actoral Oswaldo Digón, Gari, Teresa Horro, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, "Tito", Estíbaliz Veiga e un pequeno "cameo" do propio director Arturo López. Estes once actores e actrices son tamén os encargados de cambiar os decorados para as máis de trinta escenas en distintos ambientes nos que se desenvolve a historia.

Na produción de Espello Cóncavo tamén colaboraron Eduardo Alonso no deseño da iluminación, Nani García na música e Rodrigo Roel na escenografía e vestiario.

Homenaxe a Vidal Bolaño
Rubén Ruibal comezou a escribir Limpeza de sangue tras a morte de Roberto Vidal Bolaño e o peche da compañía Teatro do Aquí. "Fíxeno", asegura o dramaturgo ribadense, "como unha homenaxe ao mestre e á compañía na que vivín os meus mellores anos no teatro". Ten explicado tamén Ruibal que o punto de partida foi unha das pezas máis coñecidas do gran nome do teatro galego contemporáneo, Doentes, unha obra sobre a enfermidade coa que tenta participar nun xogo imposible con O príncipe e o mendigo, de Mark Twain.

As entradas para as dúas funcións de Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Ademais, xa está dispoñible a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Ligazóns