Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTE NOVO CICLO INSCRÍBESE DENTRO DAS ACTIVIDADES DE CELEBRACIÓN DO ANO DA MÚSICA

A Agadic pon en marcha o circuíto Galicia é Música, que ofrecerá un centenar de concertos nos concellos durante o verán

[15/04/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) promove un novo circuíto de concertos que, baixo o título Galicia é Música, desenvolverá un centenar de actuacións en concellos das catro provincias durante os meses de verán. Inserido no programa de actividades deseñado pola Consellería de Cultura e Turismo para celebrar o Ano da Música de Galicia, o ciclo busca impulsar a descentralización da oferta de música ao vivo na nosa Comunidade.

Logo Ano da Música

A Agadic recibiu máis de 210 propostas de grupos e intérpretes cara á configuración dunha ampla oferta artística que achegará aos concellos interesados en participar en Galicia é Música. A través do proceso de preselección que se desenvolve nestes momentos, buscarase dar cabida a unha gran variedade de estilos musicais, así como combinar a presenza de artistas de ampla e recoñecida traxectoria cos novos valores que están a despuntar no panorama musical galego.

Unha vez configurada esta proposta, os propios municipios serán os encargados de elixir os artistas que programarán en cada caso. A Axencia Galega das Indutrias Culturais cofinanciará estas actuacións, que poderán realizarse tanto en espazos pechados como ao aire libre e nas que poderán participar unha ou varias formacións.

Camiños da Cultura
Este novo ciclo súmase á oferta musical dos circuítos estables de distribución de espectáculos promovidos pola entidade da Consellería de Cultura, que este ano asume tamén a xestión do programa Camiños da Cultura, xunto coa da Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede Galega de Salas.

Hoxe finaliza o prazo de inscrición para os concellos interesados en participar en Camiños da Cultura, que se desenvolverá do 1 de xuño ao 30 de setembro cun programa escénico e musical protagonizado en exclusiva por compañías e grupos galegos. O circuíto ábrese a municipios que non conten con espazos adscritos á Rede de Teatros e Auditorios, independentemente do seu número de habitantes, incidindo así no obxectivo de achegar a oferta cultural ao maior número de cidadáns posible.