AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

UN TOTAL DE 44 BANDAS E MÁIS DUN MILLEIRO DE GAITEIROS E PERCUSIONISTAS COMPITEN NO CERTAME QUE ORGANIZA A ASOCIACIÓN GALEGA DE BANDAS DE GAITAS

A Agadic patrocina a nova edición da Liga Galega de Bandas de Gaitas, que arrinca o sábado en Pontevedra

[14/04/2011] A Liga Galega de Bandas de Gaitas inicia este sábado día 16 no Pazo da Cultura de Pontevedra a súa vixésimo primeira edición, na que un total de 44 formacións chegadas de diferentes puntos de España e Portugal competirán por alzarse co trofeo á mellor banda da Península Ibérica. A Asociación Galega de Bandas de Gaitas conta co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e da Deputación Provincial de Pontevedra para a organización do encontro, no que se darán cita máis de un milleiro de gaiteiros e percusionistas de Galicia, Asturias, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Murcia e Portugal.

Presentación da Liga Galega de Bandas de Gaitas

O apoio da Agadic a este multitudinario evento inscríbese dentro da liña de colaboración que a entidade da Consellería de Cultura e Turismo mantén con diferentes asociacións e colectivos non profesionais no marco da celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia e como xeito de recoñecer o seu importante labor de base dentro do conxunto do sector musical.

A XXI Liga Galega de Bandas de Gaitas foi presentada esta mañá na sede da Deputación de Pontevedra polo seu vicepresidente e deputado de Cultura, José Juan Durán, o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, e o presidente da Asociación Galega de Bandas de Gaitas, Hipólito Cabezas. En Pontevedra celebrarase a primeira fase da competición, cun intenso programa de actuacións que ocupará o Pazo da Cultura entre as 10.00 e as 21.30 horas, mentres que a segunda terá lugar o 31 de xullo na localidade luguesa de Vilalba.

Criterios de valoración
Esta división en dúas etapas diferenciadas é unha das principais novidades no formato desta liga que, segundo especifica a organización, tenta dar un paso adiante nos esquemas máis tradicionais dos campionatos de bandas e traslada parte da súa programación a un recinto pechado. Porén, a segunda e última fase celebrarase ao aire libre segundo os patróns clásicos deste tipo de competicións. Os dez xuíces que compoñen o xurado terán así a oportunidade de valorar tanto a disposición das formacións sobre o escenario como o seu desenvolvemento en espazos abertos, xunto con distintos aspectos relacionados coas calidades interpretativas do conxunto e das gaitas, afinación, percusión e estética.

Destaca, ademais, a incorporación de novas bandas a esta competición, que establece catro categorías diferentes segundo o nivel ao que poden adscribirse as 44 agrupacións participantes. A representación da provincia de Ourense é a máis numerosa, con 20 conxuntos, A Coruña e Lugo suman 5; Pontevedra, Asturias, Barcelona, Murcia e Portugal, 2; e Madrid, Valencia, Valladolid e Zamora, 1.

Ligazóns