AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

AS FUNCIÓNS DESTA OBRA, CUN TEXTO NOMINADO AOS PREMIOS MAX 2011, TERÁN LUGAR O SÁBADO 16 ÁS 20.30 H E DOMINGO 17 ÁS 18.00

Marián Bañobre interpreta no Salón Teatro "A Filla de Woody Allen" coa compañía Santiago Cortegoso

[14/04/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana -sábado 16 ás 20.30 horas e domingo 17 ás 18.00 horas- dúas funcións de A filla de Woody Allen, a primeira obra da compañía de Santiago Cortegoso coa que o dramaturgo pontevedrés está nominado aos premios Max das Artes Escénicas 2011 na categoría de mellor autor teatral en galego. A actriz Marián Bañobre interpreta en solitario a unha ficticia filla galega do cineasta norteamericano, que emprende unha viaxe a Nova York na procura do seu pai, do que só sabe que toca o clarinete e lle envía agasallos de aniversario.

A filla de Woody Allen

A historia comeza coa entrada en escena dunha personaxe cunha gran maleta na man. Ao pouco, o público descobre que é a todas luces igual que Woody Allen, que se comporta coma el, que ten as mesmas teimas. Pero ela ignora o parecido. Está perdida, ignorante do evidente, na procura dunha identidade que todos coñecemos.

A moza está decidida a atopar ao seu pai que vive na Gran Mazá, resolvendo as pistas que agochan os agasallos que lle envía polos seus aniversarios. A filla de Woody Allen garda estes obxectos como tesouros a pesar de que constitúen un enigma co que foi construíndo un mito que a acompaña no seu desenvolvemento vital. Atoparse con ese mito revélase como a vía para acadar a felicidade, pero tamén supón unha fuxida dunha vida cotiá insatisfactoria. A viaxe a Nova York é a viaxe a un mundo ideal; é a procura de algo por definir, unha interrogante vital que non sabe se será respondida.

Selo de creación propia
Despois de anos de traxectoria profesional como actor en Teatro de Ningures, Morcego, A Factoría, Nove Dous e Balea Branca, así como codirector da Aula Universitaria de Pontevedra e autor -El charco de Ulises (Iberescena, 2010), 0,7% Molotov (Premio Dieste 2009), Des-Memoria-2 (para Disque Danza), Os cómicos dell'auto (para Ningures), Hámster (Magalia 2008, Sala Triángulo 2009) e Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica (Ed. Morgante)- Santiago Cortegoso promove o seu propio selo de creación para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente.

Marián Bañobre leva traballado dende o ano 1999 en máis de vinte espectáculos profesionais dentro e fóra de Galicia, coas compañías Teatro de Ningures, Abrapalabra, Centro Dramático Galego, Teatro do Morcego, Thèatre Organic (París), Nove-Dous, Maquinaria Pesada, etc. En audiovisual, ten participado en series da TVG como Air Galicia ou O Nordés. En 2006 recibe o premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria polo espectáculo Tartufo, de Teatro de Ningures.

As entradas para as dúas funcións de A filla de Woody Allen poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Ademais, xa está dispoñible a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Documentación