Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A AGADIC PATROCINA ESTA PRIMEIRA PARTICIPACIÓN CONXUNTA DE GRUPOS GALEGOS NO FESTIVAL BARCELONÉS, CITA DE REFERENCIA DENTRO DO PANORAMA INDIE INTERNACIONAL

A música emerxente galega preséntase no Primavera Sound a través dos showcases de seis bandas

[07/04/2011] Colectivo Oruga, Disco Las Palmeras!, Eladio y los Seres Queridos, Igloo, Maryland e Nouvelle Cuisine son as seis bandas galegas seleccionadas pola organización do San Miguel Primavera Sound para ofrecer outros tantos showcases do 26 ao 28 de maio en dous dos escenarios do Parc del Fòrum de Barcelona, recinto principal do festival. Dentro da súa liña de apoio á proxección exterior dos artistas galegos e coincidindo, ademais, coa celebración do Ano da Música, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo patrocina esta primeira participación agrupada da música galega na que é unha das citas de referencia internacional para a escena indie.

Presentación da participación galega no PrimaveraPro

Os directores da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, e do Primavera Sound, Alberto Guijarro, explicaron hoxe os detalles desta colaboración no transcurso dun encontro cos medios de comunicación no Space Off da Cidade da Cultura, ao que tamén asistiron varios dos integrantes destes seis grupos. Galicia conta, de feito, coa máis nutrida representación dentro do programa de showcases da sección PrimaveraPro, a área para profesionais do festival, que se desenvolverá nos escenarios Adidas Originals e Vice e incluirá outras 17 bandas procedentes de Andalucía, Canarias, Australia, Austria, Brasil, Canadá, Chile e Polonia, ademais de grupos cataláns.

Pop, rock e electrónica
A través deste cartel ofrecerase, pois, unha ampla perspectiva da actualidade musical galega no marco das tendencias promovidas polo macro festival barcelonés, abandeirado da música alternativa e independente en xéneros como o pop, o rock ou a electrónica, entre outros. Así, nos escenarios especialmente destinados á promoción de bandas emerxentes escoitarase dende o pop maduro de Eladio y Los Seres Queridos ata os sons máis próximos ao noise e ao power pop de Maryland, pasando polo electro rock de Colectivo Oruga, a amalgama entre shoegaze, noise e incluso punk de Disco Las Palmeras!, o indie rock evolucionado de Igloo ou a combinación de pop acústico e electrónico de Nouvelle Cuisine.

O Adidas Originals e o Vice situaranse a ambos lados do espazo reservado para profesionais acreditados dentro do mesmo recinto do Primavera Sound. Deste xeito, os grupos tocarán tamén diante dun público especializado, entre o que haberá representantes de festivais, salas de concertos, promotoras, empresas de management, discográficas, entidades públicas e prensa musical de diferentes países. A participación neste evento amósase, pois, como unha importante oportunidade de promoción para estas seis bandas, tendo en conta así mesmo que a maioría delas se atopa en plena xira de promoción dos seus novos traballos discográficos.

Para a elección do cartel galego que finalmente despregará o PrimaveraPro, os seus organizadores contaron coa colaboración da Agadic, encargada de achegarlles unha proposta de dez grupos tras levar a cabo un proceso de preselección para o que se recibiron máis de corenta candidaturas. Ademais, a entidade da Consellería de Cultura apoia economicamente a presenza en Barcelona desta representación do indie galego a través dun acordo de participación agrupada subscrito co festival.

Estratexia de internacionalización
Esta colaboración enmárcase dentro da estratexia de internacionalización impulsada pola Axencia a través do seu respaldo á incursión conxunta da industria musical galega nas principais feiras e mercados do sector. Neste sentido, os responsables do PrimaveraPro, a Asociación Galega de Empresas Musicais (Agem) e a Agadic estableceron os primeiros contactos cara á materialización deste acordo durante a celebración en decembro da Feira Música Brasil, á que asistiu unha delegación institucional e empresarial galega.

O Primavera Sound celebra en 2011 a súa décimo primeira edición con máis de 125 grupos confirmados ata o momento nun cartel que se desenvolverá en oito escenarios. O grupo galego Triángulo de Amor Bizarro forma parte deste ampla listaxe, xunto a nomes como Animal Collective, El Guincho, PJ Harvey, Interpol ou Sufjan Stevens. A organización prevé que arredor de 30.000 persoas visiten cada día o festival, que amplía de tres a cinco os días de concertos: o 25 e 29 de maio no Poble Español e do 26 ao 28 no Parc del Fòrum.

O festival puxo en marcha en 2010 a iniciativa PrimaveraPro como unha ferramenta enfocada aos profesionais da industria musical mediante espazos de encontro e negocio, conferencias, mesas de traballo, actuacións promocionais, recepcións, etc. En 2011, esta área estruturará a súa programación en torno ao DayPro, centro de operacións próximo ao Parc del Fòrum onde se desenvolverán as sesións de mañá, e ao NightPro, espazo específico no propio recinto do festival que acollerá a actividade profesional durante a tarde-noite, a carón do que terán lugar os showcases dos grupos galegos.

Documentación
Ligazóns