Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

RESULTARON FINALISTAS OS TEXTOS "COMO ELIMINAR AS MANCHAS DE VÓMITO", DE EVA FREIXEIRA, "CARNE DE CANÓN", DE REBECA MONTERO, E "SEÑORA CARME", DE MANUEL ROMÁN

O autor ourensán Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico coa obra "Paraísos"

[05/04/2011] O autor ourensán Xosé Manuel Pacho Blanco, coa obra titulada Paraísos, gañou o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico nas súas dúas categorías, ao recibir por unanimidade o premio do xurado e sumar o maior número de votos emitidos polo público, o que lle valeu tamén o premio da audiencia. O galardón, que convoca anualmente a Radio Galega co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a colaboración do Centro Dramático Galego (CDG), seralle entregado o vindeiro 3 de maio dentro do espazo radioescénico que se desenvolverá no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

O texto e a dramatización da obra gañadora serán editados nun libro-cd xunto aos outros tres títulos finalistas, que na presente edición do Premio foron: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira, Carne de canón, de Rebeca Montero, e Señora Carme, de Manuel Román.

Dominio de rexistros
No seu ditame, o tribunal subliñou "o carácter aberto do texto da obra gañadora, así como a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral como da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos". Mencionou tamén expresamente "o adecuado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos".

O xurado estivo composto por Ana Vallés, dramaturga e directora de teatro; Vanesa Martínez Sotelo, dramaturga e gañadora do premio do xurado do IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico; Camilo Franco, crítico teatral; Ana Rosales, responsable de comunicación da Agadic; e Ana Romaní e Anxo Quintela, directora e redactor respectivamente do Diario Cultural.

Xosé Manuel Pacho Blanco naceu en Ourense en 1974. Avogado e profesor na Universidade de Vigo, recibiu no ano 2007 o Premio de Narrativa Torrente Ballester coa súa primeira novela A choiva do mundo, publicada pola editorial Galaxia en 2008. Fixo tamén algunha incursión ao xénero poético, traducindo poemas do norteamericano Walt Whitman.

A presentación do libro-cd e a entrega do premio terá lugar o vindeiro día 3 de maio no seo dunha nova edición do denominado espazo radioescénico, que este ano se desenvolverá no Salón Teatro de Santiago de Compostela e que contará coa colaboración do CDG para a súa organización.

As catro obras emitíronse en diferentes programas da Radio Galega entre o 7 e o 25 de marzo. Dirixidas por Ana Vallés, foron interpretadas por Nuria Sanz, Margarita Fernández, Mónica Caamaño, Marcos Viéitez, Roberto Leal, Manu Lago, Laura Ponte e Xosé Manuel Olveira "Pico". Iván Nogueira foi o responsable da realización sonora.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero do teatro radiofónico. A súa dotación económica é de 6.000 euros (3.000 para cada unha das súas dúas categorías).