[31/03/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo abre o seu programa de subvencións ao audiovisual 2011 coas convocatorias de axudas á produción de curtametraxes e videoclips e ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, ás que destina respectivamente 115.000 e 200.000 euros. Estas dúas liñas de apoio económico ao sector completaranse proximamente coas sucesivas publicacións das bases referentes á produción ou coprodución de longametraxes, á promoción do talento audiovisual galego e ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos.
As axudas para a produción de curtametraxes en versión orixinal galega teñen como obxectivo servir de estímulo á creación por parte dos novos profesionais da industria audiovisual, ademais de impulsar as novas tecnoloxías e contribuír á normalización da lingua galega.
Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), poderán ser solicitadas por produtoras audiovisuais independentes -con oficina permanente ou sucursal en Galicia, entre outros requirimentos- que presenten proxectos de filmes de ficción ou documentais, rodados en lingua galega e cunha duración inferior a 30 minutos. Establécense, ademais, diferentes modalidades segundo o soporte e a técnica empregada: curtas gravadas en soporte cinematográfico (imaxe real), de animación tamén en soporte cinematográfico e traballos en soporte dixital (imaxe real ou animación).
Promoción discográfica
Na categoría de videoclips, apoiaranse relatos audiovisuais que acompañen ou promovan unha produción discográfica de música galega e que estean producidos por empresas audiovisuais, en colaboración coas discográficas titulares dos dereitos de explotación.
Un total de 17 produtoras audiovisuais beneficiáronse o ano pasado das subvencións para a realización de curtametraxes e vídeos musicais, mentres que outras 20 empresas recibiron axudas para o desenvolvemento dos seus futuros proxectos audiovisuais, tanto para cine como para televisión.
Proceso de preprodución
A través desta segunda liña de axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, a Agadic busca fomentar unha das fases esenciais na produción dunha obra audiovisual, durante a que se leva a cabo a selección da historia e a posta a punto do guión e do orzamento, entre outras tarefas. Neste sentido, as bases que publica hoxe o DOG definen "desenvolvemento de proxectos" como o "conxunto de operacións previas ao proceso de preprodución dunha obra audiovisual": adquisición de dereitos, traballo de investigación, escrita e análise do guión, selección do equipo artístico e técnico, preparación do orzamento estimado, procura de socios, planificación da produción, plano inicial de márketing, etc.
En concreto, estas subvencións diríxense a produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente en Galicia, que presenten proxectos de traballo previo cara á futura realización de longametraxes de ficción (imaxe real ou animación) ou documentais, películas para televisión, formatos televisivos innovadores ou pilotos de series de animación para televisión.
Tanto no caso desta convocatoria como no da dirixida a curtas e videoclips, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de abril, período a partir do cal senllas comisións, das que formarán parte profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da industria audiovisual, serán as encargadas de valorar os proxectos presentados de acordo cunha serie de criterios puntuables segundo se establece nas bases respectivas.