Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

COMEZARÁ A SÚA ACTIVIDADE EN FEBREIRO DE 2007

O IGAEM destina 91.000 euros a un novo circuíto escénico de 140 funcións en 5 salas e teatros privados galegos

[29/11/2006] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte organizou un novo circuíto de programación escénica, con alomenos 140 funcións de distinos xéneros e estilos que se desenvolverán en cinco salas e teatros de titularidade privada de Galicia, e para o que se destinará un total de 91.000 euros á cofinanciación de parte da programación e demais gastos da actividade destes recintos.

As Salas Nasa e Yago, en Santiago de Compostela; Teatro Ensalle e Teatro Arte Livre, en Vigo; e Teatro del Andamio, en A Coruña, son os espazos nos que botará a andar en febreiro de 2007 esta nova programación multidisciplinar, que abranguerá teatro de actor e monicreques, danza, circo, cabaré, maxia e calquera outra modalidade artes escénicas.

Do total de 91.000 euros que o IGAEM destinará en 2007 a este proxecto, cada unha das salas recibirá 14.000 euros en concepto de cofinanciación para asumir os cachés dos artistas participantes, e outros 4.200 euros adicionais para contribuír aos demais gastos non vencellados directamente aos pagos ás compañías.

O circuíto, que pasará a denominarse Rede Galega de Salas, está deseñado e organizado polo IGAEM coa participación dos titulares de cada recinto integrante. As normas de funcionamento determinan que son as salas as que deberán configurar cadansúa programación, sempre que dean cabida en cada caso a un mínimo de cinco compañías ao ano, que poden distribuír nos dous períodos temporais de actividade previstos (un primeiro de febreiro a maio e un segundo de setembro a decembro). A estancia mínima é de entre 2 e 6 días de función por espectáculo e cada local deberá acoller ademais un mínimo de 28 funcións anuais, 20 delas obrigatoriamente de formacións galegas.

As compañías e artistas interesados en que os seus espectáculos e/ou propostas artísticas entren no catálogo de programación da Rede Galega de Salas teñen até mañá día 30 de novembro para facer chegar toda a súa documentación e demais material ao IGAEM, segundo a convocatoria ao efecto que se fixo pública hai 15 días.