Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CELSO PARADA ASUME DE NOVO A DIRECCIÓN ESCÉNICA DESTE ESPECTÁCULO, QUE A COMPAÑÍA GALEGA VOLVE LEVAR AOS ESCENARIOS DEZ ANOS DESPOIS DA SÚA ESTREA

O Salón Teatro ofrece a versión de "Os vellos non deben de namorarse" recuperada por Teatro do Morcego

[09/03/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle este venres día 11 un único pase de Os vellos non deben de namorarse, versión da emblemática obra de Castelao asinada pola compañía galega Teatro do Morcego, que recupera este espectáculo para os escenarios dez anos despois da súa estrea. A función no espazo que xestiona o Centro Dramático Galego dará comezo ás 20.30 horas.

Os vellos non deben de namorarse

Celso Parada volve asumir a dirección escénica desta farsa en tres lances, cargados de humor, ironía e sarcasmo con finais de insinuado dramatismo. Un elenco integrado por 12 actores e actrices -Miguel Borines, Mónica Camaño, Andrés Giráldez, Celia González, Elina Luaces, Cristina Mariño, Iolanda Muíños, Miguel Pernas, Tatán, Miguel Varela, María Veiga e Mundo Villalustre- dá vida a esta farsa sobre os amores dos vellos D. Saturio, D. Ramón e o señor Fuco, que teñen a desgraza de poñer os seus ollos na mocidade garrida de Lela, Micaela e Pimpinela. Como consecuencia desa imprudencia, os tres acabarán falecendo: D. Saturio, envelenado cun solimán da súa propia botica; D. Ramón, deitado no esterco tras entregar a alma por un bico, e o vinculeiro señor Fuco, de felicidade por ter casado coa súa namorada.

Fundada en Cangas en 1989 por Celso Parada e Isabel Ávila, Teatro do Morcego é tamén a compañía residente de Narón dende hai dúas temporadas. Durante a súa ampla traxectoria, ten recibido importantes premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman ou os María Casares por Lazariño de Tormes, ademais de ser finalista en varias edicións dos devanditos galardóns. Xunto con Os vellos non deben de namorarse, destacan entre as súas producións O burgués fidalgo, de Molière; A gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, ou O club da calceta, de María Reimóndez, entre outras moitas. Na actualidade, tamén ten en cartel A nona, a partir da obra de Roberto Cossa, e o musical para público familiar Saltimbanquis.

A obra
Cando o 14 de agosto de 1941 a Compañía Gallega de Comedia Maruxa Villanueva estreou no Teatro Mayo de Bos Aires a peza Os vellos non deben de namorarse, único texto teatral asinado por Castelao, nacía, sen el sabelo, unha das obras máis emblemáticas do teatro galego, así como a máis representada. Aquel "simple experimento artístico", como era definido con modestia polo seu autor, botou a andar tras a fascinación que en 1921 lle producira en París o Teatro da Arte de Nikita Balieff, "tan novo e tan orixinal, que é a estilización de todo: parola, música, pintura, danzas". Castelao descubriu entón as posibilidades que tería para un teatro popular galego a aplicación de certos usos de estilización poética do imaxinario colectivo.

As entradas para asistir á representación da versión de Os vellos non deben de namorarse a cargo de Teatro do Morcego poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Ademais, xa está dispoñible a súa venda por adiantado a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.