Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ALEXIS FERNÁNDEZ, ARMANDO MARTÉN, KIRENIA MARTÍNEZ E ANA BEATRIZ PÉREZ SON OS AUTORES E INTÉRPRETES DA PEZA

"En la cuenca de tus ojos", primeiro premio do Certame de Creación Coreográfica de Galicia

[27/11/2006] A obra En la cuenca de tus ojos, dos coreógrafos Alexis Fernández, Armando Martén, Kirenia Martínez e Ana Beatriz Pérez, resultou gañadora do IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia que organiza o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Os galardoados con este primeiro premio, polo que recibirán 4.000 €, forman parte da compañía coruñesa Inquedanza, coa que están a representar a coreografía gañadora por diferentes escenarios galegos dende o mes de abril.

En la cuenca de tus ojos

Cunha dotación económica de 2.500 €, o segundo premio foi para a peza Ayer y hoy, creada e interpretada polas madrileñas Verónica Garzón, Mireia Sans Aleu e Edurne Sanz. Tamén dende Madrid chegou a proposta galardoada co terceiro premio deste certame, Éxodos, presentada por Francisco Leiva e interpretada por el mesmo xunto a María Arcos, María González, Marta Gómez e David Amandi. Leiva recibirá 2.000 € por este terceiro posto.

BAILARINA SOBRESAÍNTE

O xurado –integrado pola bailarina e coreógrafa Maruxa Salas, como presidenta, e por Begoña Acuña, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Danza; Vicente Colomer, representante da Asociación de Profesionais da Danza Escénica; e Natalia Balseiro e María Paredes, polo IGAEM, como vogais– recoñeceu, ademais, o labor interpretativo de Ana Beatriz Pérez na obra gañadora, outorgándolle o premio ao/á bailarín/a sobresaínte, dotado con 1.500 €.

En la cuenca de tus ojos, inspirada en diferentes sensacións que arrodean ao amor como sentimento e ao arrepentimento polos erros cometidos coa persoa amada, está interpretada polos seus catro creadores, todos eles de orixe cubana e afincados en Galicia, onde na actualidade desenvolven a súa actividade profesional como coreógrafos e bailaríns.

Esta peza, que obtivo tamén o primeiro premio no V Certame Internacional de Coreografía Burgos-New York 2006, intégrase nun espectáculo máis amplo que, baixo o mesmo título, está a escenificar dende o pasado mes de abril a compañía Inquedanza baixo a dirección de Armando Martén. Así, por exemplo, En la cuenca de tus ojos insírese na programación de Rededanza, promovida polo IGAEM, dentro da que poderá verse o vindeiro día 22 de decembro no Auditorio-Pazo de Congresos de Ourense.

O Certame de Creación Coreográfica, o único das súas características en Galicia, organízase anualmente como plataforma de exhibición de novas creacións co obxectivo de incentivar a actividade profesional neste sector artístico, así como a investigación, a innovación e as postas en escena imaxinativas.