[09/03/2011] O espectáculo do Centro Dramático Galego Salomé, dirixido por Carlos Santiago, chega esta fin de semana a Ourense para ofrecer dúas funcións no Teatro Principal que terán lugar o sábado 12, ás 20.30 horas, e o domingo 13, ás 19.00 h. A compañía pública entra así na recta final da xira que desenvolve dende xaneiro con esta adaptación da coñecida obra de Oscar Wilde, a través da que ofrece unha lectura máis política e actual do episodio bíblico recreado polo gran dramaturgo irlandés.
As funcións de Salomé en Ourense foron presentadas hoxe pola directora-xerente do Teatro Principal, Olga Mojón; a directora do CDG, Blanca Cendán, e a actriz María Mera, quen interpreta o papel protagonista de Salomé como parte do elenco no que tamén figuran Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos.
Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.
Contexto contemporáneo
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG mantén o simbolismo e o ton poético orixinais, pero elimina os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, aínda que nun contexto contemporáneo, no que o tetrarca Herodes é o candidato estrela do partido Bonanza e Progreso de Galilea. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.
Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco dun xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.
Sinopse
A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.
As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.
Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función de Salomé en Ourense está dispoñible a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Teatro Principal os días 11, 12 e 13 de 11.00 a 13.30 horas e unha hora antes do inicio da cada representación. O prezo das localidades é de 12 euros (butaca ou platea), 9 euros (1ª andar), 8 euros (2º andar) e 6 euros (paraíso e V.R.).
Estreado o pasado mes de novembro no Salón Teatro de Santiago, sede do CDG, o espectáculo Salomé iniciou en xaneiro unha xira por outros 11 escenarios de Galicia e Portugal. Tras a súa estadía en Ourense, representarase no Teatro Jofre de Ferrol os días 17 e 18 de marzo. Finalmente, o seu período de exhibición rematará con catro novas funcións no Salón Teatro, do 23 ao 26 de marzo.