Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDG RESOLVEU UN PROCESO DE AUDICIÓNS NO QUE UN TRIBUNAL VALOROU A 90 CANDIDATOS/AS

Seleccionado o elenco que interpretará xunto a Luis Tosar "A ópera dos tres reás"

[07/03/2011] Un elenco integrado nos papeis femininos por Begoña Santalices, Muriel Sánchez, Alba Mesa, Mónica Iglesias e Marta Pazos; e nos masculinos por Marcos Orsi, César Goldi, Francisco Pérez "Narf", Sergio Zearreta e Víctor L. Mosqueira será o que interprete xunto a Luis Tosar a vindeira produción do Centro Dramático Galego (CDG), A ópera dos tres reás. As actrices e actores seleccionados, que superaron un procedemento de audición pública, actuarán e cantarán neste musical de gran formato sobre a obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill que se estreará o vindeiro mes de xuño en Santiago de Compostela.

Un tribunal presidido Quico Cadaval, director escénico do espectáculo, e Carlos Ariel Gracia, director musical, foi o encargado de valorar os 90 candidatos e candidatas, preseleccionados/as dun total de 209 solicitudes recibidas, entre os que se atopaban tanto recoñecidas figuras como novos valores da escena galega. Durante un proceso que se desenvolveu ao longo das dúas últimas semanas, todos eles tiveron que interpretar diante do xurado un fragmento do texto que lles foi facilitado polo CDG, así como cantar con acompañamento de piano un dos temas musicais propostos.

Por unanimidade
Na resolución acordada hoxe sinálase que a selección foi acordada por unanimidade e baseada na posesión dos requerimentos de cada personaxe segundo a proposta da dirección artística e musical, así como polas condicións técnicas, actorais e vocais dos aspirantes e a avaliación da interpretación dos roles encomendados.

Deste xeito, o reparto dos catro papeis protagonistas quedará integrado por Luis Tosar no personaxe de Mackie Navalla, Begoña Santalices no da Sra. Celia Peachum, Marcos Orsi no do Sr. Ionatan Peachum e Muriel Sánchez no de Polly Peachum. O resto dos participantes asumirán papeis principais.

O elenco comezará os ensaios o vindeiro mes de abril, xunto co resto do equipo artístico e técnico involucrado neste espectáculo musical, a través do que o Centro Dramático Galego contribúe así mesmo á celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia. Despois da estrea, prevista para finais de xuño en Santiago de Compostela, seguirá unha xira que se prolongará inicialmente ata finais de setembro por distintos escenarios e festivais dentro e fóra de Galicia.

Actualización da ópera orixinal
A compañía pública actualizará esta coñecida ópera paródica, que na súa versión orixinal constituíu o éxito escénico máis relevante do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, quen asinou a obra xunto ao seu compatriota Kurt Weill, autor dunha partitura que incorpora cabaré, jazz e música culta, aínda que satirizada. Posteriormente, algúns dos seus temas musicais adquirirían grande sona por si mesmos, como A balada de Mackie o Navalla, Jenny a dos piratas, A canción dos canóns, Barbara song ou A balada do bordel, inmortalizados por grandes figuras da música internacional.

Baseándose na peza do dramaturgo inglés John Gay A ópera do mendigo (1728), en Die Dreigroschenoper-título orixinal en alemán- Brecht desenvolve unha historia de delincuencia, crise, prostitución, miseria e abusos, ambientada na Alemaña dos anos trinta. O popular delincuente Mackie Messer seduce a filla do rei dos mendigos deste submundo, no que unha voda nunha corte desencadea unha carreira vertixinosa en que os mendigos, as prostitutas e a policía comparten protagonismo cara a un final sorprendente.