Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CARLOS SANTIAGO DIRIXE ESTA VERSIÓN DA OBRA DE OSCAR WILDE, NA QUE A ACCIÓN SE SITÚA NUN CONTEXTO ACTUAL PARA OFRECER UNHA LECTURA MÁIS SATÍRICA E POLÍTICA

O Centro Dramático Galego leva "Salomé" á Coruña cunha función no Teatro Rosalía

[03/03/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) continúa na Coruña a xira do seu espectáculo Salomé, adaptación da obra de Oscar Wilde dirixida por Carlos Santiago. O Teatro Rosalía Castro ofrecerá mañá venres 4, ás 20.30 horas, un único pase desta montaxe a través da que a compañía pública traslada a acción a un contexto actual para ofrecer unha lectura máis política e actual do texto do gran dramaturgo irlandés.

Salomé

Esta función de Salomé foi presentada hoxe pola concelleira de Cultura do Concello da Coruña, María Xosé Bravo; o director do espectáculo, Carlos Santiago, e o actor Pepe Penabade, quen interpreta o papel protagonista de Herodes Antipas como parte do elenco no que tamén figuran María Mera, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos.

Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

Posta en escena arriscada
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG mantén o simbolismo e o ton poético orixinais, pero elimina os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, aínda que nun contexto contemporáneo, no que o tetrarca Herodes é o candidato estrela do partido Bonanza e Progreso de Galilea. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco dun xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

Acción nun único acto
A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.

As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función de Salomé na Coruña está dispoñible a través da billeteira electrónica da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500, así como no despacho de billetes da Praza de Ourense en horario de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30. Mañá venres poranse á venda no Teatro Rosalía Castro de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas. O prezo das localidades é de 10 euros e de 6 euros (cun desconto do 20% para persoas maiores de 65 anos, desempregados e usuarios do carné xoven).

Estreado o pasado mes de novembro no Salón Teatro de Santiago, sede do CDG, o espectáculo Salomé ten visitado ata o momento outros 10 escenarios de Galicia e Portugal. Tras a súa estadía na Coruña, continuará a súa xira no Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo). Finalmente, o seu período de exhibición rematará con catro novas funcións no Salón Teatro, do 23 ao 26 de marzo.

Documentación