Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TRÁTASE DUN TRABALLO DE INVESTIGACIÓN E LABORATORIO TEATRAL SOBRE A CÉLEBRE TRAXEDIA DE WILLIAM SHAKESPEARE CON TEXTOS ADAPTADOS POR ALFREDO CONDE

O actor Alfredo Padilla estrea no Salón Teatro unha versión moderna e actual de "Hamlet" dirixida por Jorge Rey

[02/03/2011] A compañía Ainternacional estrea esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela a súa última produción, Hamlet, un traballo de investigación e laboratorio teatral sobre a célebre traxedia de William Shakespeare. Alfredo Padilla, actor especializado en teatro shakesperiano pola Royal Academy of Dramatic Art (RADA) de Londres, personifica nesta renovada versión a un príncipe de Dinamarca moderno e actual, cuxa loita interior entre o "ser ou non ser" poderá verse este sábado 5 ás 20.30 horas e domingo 6 ás 18.00, dentro da programación do Centro Dramático Galego (CDG) para o Salón Teatro.

Presentación de Hamlet

Con dramaturxia do propio Padilla e baixo a dirección escénica de Jorge Rey, o intérprete arxentino afincado en Compostela explora en solitario sobre o escenario as diferentes posibilidades que ofrece o que moitos estudosos consideran o texto máis contemporáneo dos clásicos, desestruturando a orde orixinal da fábula. Deste xeito, a montaxe empeza polo final da obra, a partir do momento en que Hamlet lle pide ao seu amigo Horatio, testemuña da traxedia, que conte a súa historia.

Este novo achegamento a Hamlet mantén a linguaxe clara e directa empregada polo dramaturgo inglés, afastándose das reiteracións e dos barroquismos. Alfredo Conde (Premio Nacional de Literatura e Premio Nadal) é o responsable da adaptación ao galego dos soliloquios do herdeiro danés, a través dos cales se vai coñecendo toda a acción. Tamén participaron no proxecto Josito Porto, como axudante de dirección; Cloti Vaello, no vestiario; Ale Casquero, na música; e Raúl Villares como adestrador de inglés.

Fiel á versión orixinal
Temas como a traizón, a vinganza e a corrupción moral son tratados nesta proposta escénica, cargada de acción, con momentos de reflexión e cunha gran intensidade emotiva e actoral. Cunha posta en escena fiel á versión orixinal de Shakespeare, a trama relata como Hamlet descubre que o seu pai foi asasinado polo seu tío e padrasto Claudio, para arrebatarlle a coroa e a súa esposa.

O rei morto clama vinganza e pide ao seu fillo que sexa a man executora que desenmascare a mentira, a ambición, a avaricia e a hipocrisía do seu tío. Para conseguir o seu propósito, Hamlet, que encarna a incerteza, a ambivalencia e a indecisión da condición humana, deberá finxirse tolo, non corromperse fronte ás traizóns que gardan os que o rodean, renunciar á súa amada Ofelia e loitar contra os seus propios medos.

Por outra banda, e a pesar do clásico da linguaxe, o vestiario e a escenografía dan un xiro contemporáneo. O espazo escénico, sobrio e minimalista, está composto unicamente por unha mesa grande e un podio, aínda que non faltan elementos de atrezzo actuais como un teléfono móbil ou un ordenador portátil.

Especialista en Shakespeare
Alfredo Padilla especializouse en teatro pola Royal Academy of Dramatic Art de Londres, centro que desde hai máis de cen anos é a academia de formación actoral en Shakespeare por excelencia e onde estudaron figuras tan célebres como John Gielgud, Anthony Hopkins ou Kenneth Brannagh.

Durante a súa estadía no Reino Unido para realizar o seu posgrao, Padilla estudou cos mestres Nona Shepphard, John Adams, Hugh Fraser, Nick Hutchison, Katya Benjamin e Alexander Technique, Andrew Charity ou Greg De Polnay, entre outros. Cada un destes docentes ten unha estreita vinculación co mundo de William Shakespeare no Reino Unido, xa sexa desde a BBC, a Royal Shakespeare Company, o Old Vic Theatre, o Young Vic Theatre ou o Globe Theatre.

En 2009, Alfredo Padilla estreou en Londres e baixo as ordes de John Adams, director de escena da Royal Academy of Dramatic Art desde hai trinta anos, The Fall of Anthony, unha versión de textos de Skakespeare a partir de Xulio César e Antonio e Cleopatra na que interpretou os papeis de Xúlio César e Marco Antonio.

Venda de entradas
As entradas para asistir ás dúas representacións de Hamlet poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para a función de estrea do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Documentación
Ligazóns