Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PÚBLICO SITÚASE EN GRADAS SOBRE O ESCENARIO, RODEANDO O ESPAZO ESCÉNICO COMO XEITO DE OBTER UNHA PERSPECTIVA MÁIS PRÓXIMA AO CENTRO DA ACCIÓN

A compañía portuguesa Teatro Oficina representa este sábado no Salón Teatro a comedia negra "Rua Gagarin"

[24/02/2011] A compañía portuguesa Teatro Oficina viaxa esta fin de semana a Santiago de Compostela para representar no Salón Teatro o seu espectáculo Rua Gagarin, obra do dramaturgo escocés Gregory Burke. A formación de Guimarães ofrecerá unha función o sábado 26, ás 20.30 horas, desta comedia negra chea de crueza e realismo, que serve de pretexto para abordar o problema da crise xeral, económica, ideolóxica e de valores, así como a desesperación dun día a día que non funciona.

Rúa Gagarin

A montaxe desenvolve unha especial posta en escena, xa que o público estará sentado en gradas sobre o escenario, encadrando un espazo escénico que recrea unha fábrica obsoleta situada nunha localidade recóndita de Escocia. Para lograr esta perspectiva máis próxima ao centro da acción, o aforo habitual do Salón Teatro reducirase a 120 espectadores.

A peza ten como fío condutor o secuestro dun directivo dunha empresa multinacional por parte de dous dos seus operarios. A medida que avanza a noite, o rapto vai transcorrendo terriblemente, como é habitual cando entra en xogo a desesperación. Ao tempo, os catro homes protagonistas da obra -o raptado, os dous secuestradores e o garda de seguridade da fábrica- van formulando solucións para tentar resolver a situación.

Baixo a dirección escénica de Marcos Barbosa, a máis recente produción da formación de Teatro Oficina é interpretada por André Teixeira, António Jorge, Emílio Gomes e Tiago Correia. Fernando Ribeiro encargouse da escenografía, Samuel Úria compuxo a música e João Rosas asina a tradución.

Éxitos desde 2001
Gregory Burke naceu en Dumferline (Escocia) en 1968. Sen coñecer ninguén no medio teatral, en 1998 enviou ao Traverse Theatre de Edimburgo a súa primeira obra, Gagarin Way, que baixo a dirección de John Tiffany, en 2001 converteuse nun dos maiores éxitos do Festival de Edimburgo. Seguiulle The Straits, tamén dirixida por John Tiffany e baseada na mocidade do autor en Xibraltar durante a guerra das Malvinas.

En 2006, obtivo un novo triunfo en Edimburgo con Black Watch, escrita para o National Theatre of Scotland, e dirixida unha vez máis por John Tiffany, que foi representada no Reino Unido, Os Ánxeles e Nova York. En 2006, Burke volve a Edimburgo con Black Watch, peza que, ao igual que Gagarin Way, foi adaptada para radio e representada na BBC. Outras pezas súas, traducidas ao francés, italiano, ruso, alemán e español, son Chain Play, Debt, Liar, On Tour, The Party, Occy Eyes, Unsecured e Shellshocked.

Colaboración con Portugal
O espectáculo preséntase no escenario compostelán no marco dun acordo de intercambio entre o Centro Dramático Galego e tres agrupacións portuguesas: ademais de Teatro Oficina de Guimarães, a Companhia de Teatro de Braga e Trigo Limpo de Tondela. En contrapartida, o espectáculo do CDG Salomé exhibiuse o pasado mes de xaneiro no Centro Cultural Vila Flor de Gimarães, no Teatro Acert de Tondela e no Theatro-Circo de Braga.

As entradas para asistir á representación de Rua Gagarin poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Ligazóns