[24/02/2011] Narón é o próximo destino do Centro Dramático Galego (CDG) dentro da xira que desenvolve dende primeiros de ano co seu espectáculo Salomé, adaptación da obra de Oscar Wilde dirixida por Carlos Santiago. O Pazo da Cultura naronés acollerá mañá venres 25, ás 20.30 horas, e o sábado 26, ás 20.00 h, senllas funcións da última montaxe da compañía pública, que ofrece unha lectura máis política e actual do episodio bíblico recreado polo gran dramaturgo irlandés.
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG mantén o simbolismo e o ton poético orixinais, pero elimina os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, aínda que nun contexto contemporáneo, no que o tetrarca Herodes é o candidato estrela do partido Bonanza e Progreso de Galilea. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.
Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco dun xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.
Equipo artístico
María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes encabezan o elenco que completan María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos. Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.
A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.
As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.
Venda de entradas
As entradas para as dúas funcións de Salomé en Narón póñense á venda no despacho de billetes do Pazo da Cultura hoxe e o venres de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.30 horas e o sábado 26 de 17.00 a 20.00 horas. O prezo das localidades é de 8 euros para o público xeral, de 5,60 euros para os abonados e de 4 euros para estudantes menores de 25 anos.
Estreado o pasado mes de novembro no Salón Teatro de Santiago, sede do CDG, o espectáculo ten visitado ata o momento outros 9 escenarios de Galicia e Portugal. Trala súa estadía en Narón, continuará a súa xira no Teatro Rosalía da Coruña (4 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo). Finalmente, o seu período de exhibición rematará con catro novas funcións no Salón Teatro, do 23 ao 26 de marzo.