Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

"NADAL MÁXICO" ESTÁ ORGANIZADO POR CULTURA E A ASOCIACIÓN DO SECTOR

O primeiro Circuíto Galego da Maxia leva a 21 magos por 40 concellos galegos

[23/11/2006] Un total de 40 concellos participan no I Circuíto Galego da Maxia "Nadal Máxico 2006" que organiza a Consellería de Cultura e Deporte, a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, en colaboración coa Asociación de Magos Profesionais de Galicia. Nesta programación, que deu comezo este mes, pero desenvolverá a meirande parte da súa actividade durante decembro, 21 magos dan forma aos diferentes espectáculos, coa participación de entre catro e seis profesionais en cada un deles.

Rolda de prensa de  "Nadal Máxico"

Este ciclo, o primeiro monográfico dedicado á maxia que se celebra en Galicia, ten como obxectivo prioritario a promoción deste xénero escénico mediante o acceso do público dos diferentes municipios ao traballo que realizan os magos galegos, así como ás diferentes técnicas que abranguen as súas exhibicións –maxia de preto, unipersoal, escapismo, mentalismo, ilusionismo, artes afíns (ventriloquía, faquirismo...)– e que entroncan, ademais, con diferentes áreas temáticas como a maxia para nenos, de rúa, de solidariedade, familiar, etc.

Con este fin, a Asociación de Magos Profesionais elaborou diferentes espectáculos unitarios, cambiantes segundo as datas e as localidades, e dotados de recursos escénicos propios (luz, música, escenografía...), nos que entre catro e seis magos actúan consecutivamente durante uns 90 minutos en total. Chrystyan Magic, Cyrille Sinclair, Dani García, Javier Muro, Mago Benxamín, Mago Cali, Mago Kiko, Mago Marttyn, Mago Norberto, Mago Pablo, Mago Rafa, Mago Romarís, Mago Richard, Mago Teto, Mago Vituco, Mago Xacobe, Magomimo Anyo, Martín Camiña, O Mago Antón, Pedro Volta e Román García configuran a listaxe de profesionais que interveñen nesta programación.

O cartel, inaugurado o pasado día 1 en Arzúa, ofrece un total de 40 funcións noutros tantos escenarios galegos, 16 na provincia da Coruña (A Coruña, As Pontes, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carnota, Culleredo, Fene, Ferrol, Mugardos, Muros, Padrón, Porto do Son, Ribeira, Sada e Santiago de Compostela), 8 en Lugo (Chantada, Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Viveiro e Xove), 4 en Ourense (Allariz, O Barco de Valdeorras, Ribadavia e Verín) e 12 en Pontevedra (A Estrada, Caldas de Reis, Cangas, Lalín, Marín, Moaña, Mos, O Grove, Redondela, Sanxenxo, Silleda e Tomiño). Os concellos participantes, que asumen o caché do espectáculo ao 50% coa Consellería de Cultura, foron seleccionados segundo a orde de entrada da súa solicitude no rexistro da Asociación de Magos Profesionais de Galicia.

Esta asociación, que agrupa a 19 magos –a práctica totalidade dos profesionais que desenvolven a súa actividade en Galicia– vén de iniciar a súa andaina co obxectivo de obter un espazo propio dentro das artes escénicas galegas. Entre os seus fins destacan, asemade, o fomento do desenvolvemento cuantitativo e cualitativo da maxia profesional a través da colaboración con distintas administracións e entidades privadas, incentivar o uso da lingua galega neste ámbito, colaborar con outras asociación e colectivos galegos relacionados con esta actividade, conseguir unha maior proxección pública, organizar actividades formativas, programar actividades lúdicas e didácticas específicas para o publico infantil e xuvenil, e sentar as bases para a creación dunha escola de maxia.

Documentación