Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A AGADIC EDITA AMBAS REVISTAS PARA A DIFUSIÓN DA ACTIVIDADE DOS SEUS CIRCUÍTOS DE DISTRIBUCIÓN DE ESPECTÁCULOS E A PROMOCIÓN DA ESCENA E A MÚSICA FEITAS EN GALICIA

Sólodos e Holywater protagonizan as portadas das novas entregas de "Paraíso" e "Ao vivo música"

[23/02/2011] A compañía de danza Sólodos e a banda de rock Holywater protagonizan respectivamente as portadas dos novos números das revistas Paraíso e Ao vivo música, editadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a difusión da actividade dos seus tres circuítos de distribución de espectáculos e para a promoción da escena e a música feitas en Galicia.

Detalle da capa de Paraíso 9

A entidade da Consellería de Cultura e Turismo distribúe ambas publicacións de xeito gratuíto, que no caso de Paraíso chega aos lectores a través dos 59 espazos asociados neste primeiro semestre de 2011 tanto á Rede Galega de Teatros e Auditorios como á Rede Galega de Salas; e no de Ao vivo música, dende as 32 salas da Rede Galega de Música ao Vivo.

De edición bianual e cunha tiraxe de 9.000 exemplares por entrega, a revista Paraíso alcanza o seu número 9 cunha variada oferta de contidos que reflicte, así mesmo, a heteroxeneidade das propostas artísticas que conforman esta axenda semestral, desenvolvida de xeito pormenorizado no caderniño central da revista. Entre as reportaxes e entrevistas intercálanse as fichas do total de 116 espectáculos de teatro, danza, novo circo, maxia e música que poderán verse nestes circuítos ata o vindeiro mes de xuño.

Entrevista a María Barcala
Ademais de deterse na traxectoria de Sólodos, compañía creada pola galega Maruxa Salas e polo costarriqueño Erick Jiménez que actuou recentemente en La Habana perante máis de 4.000 persoas, Paraíso tamén ofrece reportaxes sobre o traballo das formacións teatrais Elefante Elegante e Caramuxo, así como sobre a nova etapa do Teatro Jofre de Ferrol. Canto ao apartado das entrevistas, a actriz María Barcala fai un percorrido pola súa ampla carreira escénica dende os seus comezos con Teatro da Mari-Gaila ata o seu papel en Memoria de Helena e María, último espectáculo producido por Teatro do Atlántico.

Pola súa banda, o número 8 de Ao vivo música dedica a súa portada e reportaxe central ao novo camiño emprendido polo grupo Holywater co seu cambio de discográfica e a edición dun cuarto disco de longa duración, The path to follow (Ernie Records, 2010). O proxecto posto en marcha por Rosa Cedrón e Cristina Pato baixo o título de Soas, o disco Manual de sedución de Marful, a viaxe de The Homens a Polonia convidados polo Centro de Estudos Galego da Universidade de Varsovia ou os novos proxectos de Miguel Costas son outros dos contidos da revista.

Ao vivo música, da que se editan tres números ao ano cunha tiraxe media de 7.000 exemplares, mantén o resto das súas seccións habituais: "Sete de sete" con Rubén Castelo de Maryland, Héctor Martínez de Dear Mr. e Moisés Quintas de Trasmundi, "O disco que me cambiou a vida" con Pepe Evangelista, "Tesouros soterrados" con Marcos Paino, "A sala" co Auriense Café Cultural de Ourense e "Nas tendas", na que se recollen dez das últimas novidades do mercado discográfico galego.

Ligazóns