Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TEATRO PRINCIPAL ACOLLE DÚAS FUNCIÓNS, MAÑÁ MARTES ÁS 21.00 H E O MÉRCORES 23 ÁS 12.00

"Salomé" represéntase en Pontevedra dentro da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

[21/02/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) preséntase a partir de mañá en Pontevedra con motivo da xira galega que está a desenvolver co seu espectáculo Salomé, adaptación da obra de Oscar Wilde dirixida por Carlos Santiago. A última montaxe da compañía pública, que afonda na visión do poder como forza invariable e amosa outra interpretación do texto cunha lectura máis política e actual, poderá verse no Teatro Principal mañá martes 22, ás 21.00 horas, e o mércores 23, ás 12.00 horas (función concertada para escolares), como parte da programación do 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Salomé

A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG ofrece unha lectura máis satírica e política do episodio bíblico recreado por Wilde, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico, no que o tetrarca Herodes é o candidato estrela do partido Bonanza e Progreso de Galilea. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco dun xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

Seis actores para quince personaxes
María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes encabezan o elenco que completan María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos. Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.

As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función de mañá martes de Salomé en Pontevedra está dispoñible a través da billeteira electrónica da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500, así como no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do inicio da representación. O prezo das localidades é de 5 euros e de 3 euros para estudantes, pensionistas e persoas en paro.

Despois da súa estadía en Pontevedra, o espectáculo exhibirase sucesivamente no Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), Teatro Rosalía da Coruña (4 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo). Finalmente, o período de exhibición de Salomé rematará no Salón Teatro, onde do 23 ao 26 de marzo se desenvolverán outras catro novas funcións.

Documentación