[20/02/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora en calidade de copatrocinadora co circuíto "AIEnRUTa-Artistas" que organiza a Asociación Española de Artistas, Intérpretes o Ejecutantes (AIE) para a potenciación da música en directo en todo o territorio nacional. Con máis de 15 anos de antigüidade, este programa funciona mediante a adhesión das salas de concertos de titularidade privada interesadas, que se agrupan en cinco áreas xeográficas e nas que se desenvolven os calendarios de actuacións trimestrais baixo a premisa da presentación de artistas de todos os estilos en destinos sempre distintos aos da súa procedencia.
No caso concreto en Galicia, a participación da entidade da Consellería de Cultura e Turismo posibilita ata o mes de marzo -primeiro período anual de programación- a celebración de tres concertos dos grupos Triángulo de Amor Bizarro en locais de Cáceres, Badaxoz e Sevilla; e outros tantos de Som do Galpom en Bermeo, Pola de Siero e Barcelona. No segundo ciclo, que vai de abril a xuño, serán o quinteto de jazz Bellón Maceiras e o grupo pop-rock Niño y Pistola os que se incorporarán ao circuíto. Haberá outras dúas formacións artísticas galegas, aínda non escollidas, que realizarán unha última serie de recitais de outubro a decembro.
A selección dos grupos e solistas, tanto noveis como consagrados, realízase por un comité de expertos nomeados pola AIE despois dunha convocatoria pública aberta a todas as propostas que, a efectos de programación, son clasificadas atendendo ás categorías de pop, rock, flamenco, canción de autor, folk, jazz e novas músicas
Sete salas galegas
Son sete as salas galegas integradas en "AIEnRUTa-Artistas": Aturuxo (Bueu), Bar Liceum (O Porriño), Clavicémbalo (Lugo), La Fábrica de Chocolate (Vigo), Café Auriense (Ourense), Karma (Pontevedra) e Le Club (A Coruña), que acollen estes días concertos dos grupos vascos Damba e Gari, dos madrileños Chico Malo e Telephunken; e do andaluz Fuel Fandango.
Os devanditos locais galegos forman parte da área xeográfica do noroeste peninsular, que se completa con outros espazos de Asturias, Cantabria e Castela e León. Existen, ademais, outras catro zonas que funcionan de xeito conxunto á hora de establecer o intercambio de artistas, e que son a que integran Madrid e Castela-A Mancha; a que conta con Cataluña, Valencia e Murcia; outra zona co País Vasco, Aragón, A Rioxa e Navarra; e a que conforman Baleares, Andalucía, Estremadura e Canarias.
Entre os obxectivos principais do circuíto están fomentar o intercambio cultural entre os diferentes artistas das comunidades autónomas, potenciar todos os estilos que se dan cita dentro da música popular, dar a coñecer os novos valores artísticos no eido da música, axudar á iniciativa privada e ao mercado musical en salas de pequena e mediana capacidade e, en definitiva, consolidar un circuíto localizado temporalmente no inverno que permita apoiar de xeito estable a maior variedade de propostas artísticas.
Durante toda a súa traxectoria, "AIEnRUTa-Artistas" leva organizado 2.100 concertos de 469 artistas, aos que asistiron máis de 260.000 espectadores en 150 salas de 50 localidades españolas.