[16/02/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle este sábado 19 de febreiro ás 20.30 horas Axóuxere de cores, unha proposta escénica da Fundación IgualArte que aposta pola ruptura dos prexuízos e as fronteiras sociais. O movemento, a expresión corporal e a música conviven neste espectáculo, realizado por persoas con necesidades educativas específicas no marco dun programa artístico pioneiro en Galicia.
Andrea Alonso, Carmela Bueno, Helena Cuber e Pedro Pomar son os intérpretes desta montaxe, que combina música e danza para ofrecer un percorrido, sen palabras, polos sentimentos e as paixóns humanas. Así, durante 50 minutos, os seus protagonistas achegarán ao público asistente os diferentes estados anímicos que se poden experimentar, desde a ledicia á paixón, ao amor ou á rabia, pasando primeiro pola tristura e pola esperanza.
Creación propia
Tanto a creación musical, a cargo de Marcos Estévez Vila, como as pezas coreográficas, asinadas por Carmela Bueno e Xandra Beiras, son de creación propia e exclusiva para o novo espectáculo desta entidade sen ánimo de lucro.
Con sede na cidade de Vigo, IgualArte é unha fundación artística que desde 2002 traballa con persoas con necesidades educativas especiais no campo da educación musical, expresión corporal e artes plásticas. O seu principal obxectivo é crear un espazo activo e integrador destinado a fomentar a creatividade e promover unha arte viva e plural.
As entradas para asistir á representación de Axóuxere de cores poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado a través do teléfono 902 43 44 43 ou na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.