[10/02/2011] A compañía portuguesa Trigo Limpo Teatro Acert preséntase esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago co espectáculo A caixa preta, que se escenifica o sábado 12 ás 20.30 h e o domingo 13 ás 18.00 h dentro dun acordo de intercambio co Centro Dramático Galego (CDG). Con dramaturxia e dirección escénica de Pompeu José, a montaxe baséase no texto escrito ex profeso por dous dos máis destacados autores en lingua portuguesa, o mozambicano Mia Couto e o angolano José Eduardo Agualusa.
A amizade que une a esta parella de escritores xorde en 2007 como resultado dunha primeira experiencia de escrita a dúas mans con Chovem amores na Rua do Matador, un texto inédito producido para Trigo Limpo Teatro Acert no ámbito do proxecto Interiores. Tres anos máis tarde e por encargo da mesma formación de Tondela, xúntanse de novo nesta aventura teatral construída a partir do conto Eles não são como nós, que aparece inserido no libro Fronteiras Perdidas-Contos para Viajar, asinado por Agualusa.
Nesta 88 produción da compañía portuguesa, as actrices Ilda Teixeira, Raquel Costa e Sandra Santos levan a escena un enredo que indaga sobre a necesidade (ou non) do esquecemento, así como sobre as moitas máscaras que cada persoa utiliza para non recoñecerse ao espello, para non mostrar quen é. Como sinala a propia compañía, trátase dunha historia sobre os medos, como o medo ao que nos rodea, o medo de traizoar, o medo de atraer, de ser atraído, das obsesións, da loucura, da soidade, da morte…
Asaltante enmascarado
A caixa preta comeza coa vella Luciña desenvolvendo as tarefas da casa: mentres agarda pola súa neta Vitoria, cociña unha sopa cunha radio como única compañía. Durante a espera, os sons da guerra fóra e as formigas no interior do libro de poesía que anda a ler aumentan un nerviosismo que só se calma coa chegada da rapaza.
Cando a normalidade é restablecida (Vitoria xa durme e Luciña reinicia a súa lectura poética), un asaltante enmascarado de Lobo Malo e armado cun coitelo invade a casa entrando na habitación da moza. Vén famento. A muller aproveita esa fraqueza para sacalo do cuarto e levalo á cociña, onde comezan a conversar. En tanto, a neta esperta e, tras espantarse co aspecto do visitante, acha a situación divertida e comeza a desenterrar memorias do diario da súa nai: como o seu pai desapareceu na guerra e a súa nai deixouna coa súa avoa materna durante a lactación.
A medida que as forzas da orde se aproximan desde o exterior, descóbrese -dunha forma case policial- a verdade sobre cada personaxe. E o Lobo quita por fin a máscara.
Colaboración con Portugal
O espectáculo preséntase no escenario compostelán no marco dun acordo de intercambio entre o Centro Dramático Galego e tres agrupacións portuguesas: ademais de Trigo Limpo de Tondela, a Companhia de Teatro de Braga e Teatro Oficina de Guimarães. En contrapartida, o espectáculo do CDG Salomé exhibiuse o pasado mes de xaneiro no Centro Cultural Vila Flor de Gimarães, Teatro Acert de Tondela e Theatro-Circo de Braga.
As entradas para asistir ás dúas representacións de A caixa preta poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as función do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.